Mario Paz González.-
No período que vai desde 1920 até 1933 o autor austrohúngaro Joseph Roth residiu en Berlín onde desenvolvería o seu labor como xornalista e escritor. Durante todos eses anos, como impelido por unha furia e unha vehemencia febrís, escribiu algunhas das súas novelas máis importantes, pero tamén moitísimos artigos, dos cales máis de mil trescentos están adicados á capital alemá. A maior parte publicouse en diferentes xornais como o sensacionalista Neue Berliner Zeitung, o reputado Berliner Börsen-Courier e, sobre todo, na páxina cultural do Frankfurter Zeitung, co que, ademais, viaxaría por toda Europa, incluída a recentemente nada Unión Soviética.
Neles, como nas súas novelas, percíbese con viveza a pulsión irrefreable do escritor, ese desexo vehemente de mostrar a súa visión persoal do mundo, dun mundo que tocara fondo coa Gran Guerra, pero tamén dun mundo non menos inhóspito que comezaba a aflorar naqueles anos e cuxas consecuencias tráxicas parece querer albiscar en boa parte dos seus textos. Para facelo adopta diversas actitudes –a do crítico, a do flâneur, a do simple reporteiro…– coas que describe con certeira agudeza e minuciosidade as reviravoltas máis ocultas da vida cotiá de Berlín e dos seus habitantes durante o período que abarcou a malograda República de Weimar até a chegada ao poder dos nazis.
Nun dos seus textos, datado en 1926, define o labor do cronista urbano e a súa importancia crecente no que el denomina o xornalismo moderno, aquel que, segundo as súas palabras, “integrará todo o demais, non só a política”, pois “o xornal moderno necesita máis ao reporteiro que ao editorialista” porque é capaz de debuxar como ninguén a cotidianidade, “o rostro do tempo”. Ese “rostro do tempo”, ese testemuño veraz e esa análise minuciosa e prolixa da vida cotiá, da Historia e da intrahistoria, é o que desfila por estas crónicas tan sumamente lúcidas, algunhas das cales adquiren, mesmo hoxe día, unha sorprendente actualidade. Ao lelas un sente en moitos momentos coma se estivese a escoitar a un contemporáneo, coma se a vida dunha cidade centroeuropea do período de entreguerras –coas súas obras perennes, co seu tráfico do demo, cos discursos valeiros dos seus políticos, coa fachenda dos seus popes culturais, cos seus barrios marxinais, os seus locais de mala morte, as súas diversións…– non fose no fondo tan distinta da vida barulleira e anodina que podemos atopar hoxe en día en moitas das cidades do mundo occidental.
Nas súas crónicas Roth fálanos con irreverente sarcasmo da torre de sinais instalada na Potsdamer Platz para dirixir o tráfico urbano, ese fragor e ese trenqueleo dun novo ritmo crecente e abafador que o dominaba todo. Tamén das novas edificacións, dos proxectos de rañaceos ou do consumismo, plasmado nos novos macrocomplexos comerciais aos que el ironicamente denomina “grandes almacéns grandes de verdade”. Polos seus artigos desfila todo Berlín, os homes de negocios e os mendicantes, os gardas urbanos, o museo de cera ou personaxes tan singulares, como Richard o Roxo, camareiro encargado de levar os xornais aos clientes do Café des Westens, no Kurfürstendamm, patria dos literatos e a bohemia. Pero tamén as grandes personalidades, eses políticos que gobernan no Reichstag, aos que olla cunha mestura de escepticismo e desconfianza máis que comprensibles, ou o home masa, esa voz do despropósito, pasto do nazismo, ademais dos seres marxinais, os desclasados, os desprotexidos, os que están a expensas duns acontecementos que os desbordan, que os exceden, ameazando mesmo, como un presaxio, con aniquilalos. Esta última será a mesma fonda preocupación que latexa nalgunha das súas obras destes anos como A marcha Radetzsky.
É precisamente nestas crónicas adicadas aos desprotexidos onde desfilan tamén os xudeus que vivían amontoados en pésimas condicións no barrio de Scheunenviertel, unha sorte de gueto para aqueles que chegaban á capital alemá fuxindo de Rusia por mor dos pogromos. Para moitos deles as cidades europeas, como Berlín ou Hamburgo, non eran máis que un destino intermedio antes de partir para América ou Palestina, cousa que non sempre conseguían, quedando absurdamente agulletados a unha vida e unha urbe que, nalgúns casos, non chegaba a ofrecerlles grandes expectativas vitais. Aínda que Roth era de orixe xudía –nacera en Brody, na rexión de Galitzia, que entón formaba parte do Imperio Austrohúngaro e hoxe pertence a Ucraína–, era o que se denominaba un “xudeu asimilado”, pois abandonara os seus costumes vernáculos a favor dos occidentais. Por iso o seu retrato do Scheunenviertel amosa certa frialdade e distancia. Con todo, resulta interesante observar como, aos poucos, percíbese unha evolución na súa actitude. Fronte á dureza da contorna, fronte á escalada de brutalidade que vai crecendo ao seu redor nos últimos anos, Roth séntese cada vez máis solidario e afín cos sentimentos dos que sabe, no fondo, que son os seus, coas súas tradicións, coa súa forma de ver o mundo.
Un dos seus últimos artigos adicado a Berlín está datado entre setembro e novembro de 1933 e xa non puido ser publicado na Alemaña, senón na revista Cahiers Juifs de París, onde Roth ía exiliarse o ano seguinte. Trátase dun texto máis longo que os outros, pero, a pesar da súa inmediatez cos acontecementos vividos, resulta dunha lucidez certamente rachadora. Nel Joseph Roth amósase máis directo, máis apaixonado, máis vivo ao reivindicares, por mor da queima de libros ese mesmo ano na Bebelplatz, o papel dos xudeus na cultura alemá e europea. Tamén ao denunciar algo que a súa extrema sensibilidade era quen de captar fronte a un mundo insensible, o que el chama a “rendición espiritual” de Europa aos totalitarismos “por debilidade, por preguiza, por indiferenza, por inconsciencia”, reclamando unha unión, naqueles anos duros, para un continente que aínda hoxe, afectado por outras crises, parece cuestionarse.
Joseph Roth.
Crónicas berlinesas.
Edición de Michael Bienert.
Barcelona: Minúscula. 2006.
292 pp.

mariopaz@avozdevilalba.com
0 comentários :
Danos a túa opinión