Fermín Bouza.-
O do Codex Calixtinus é un inmenso desastre que todos agardamos, cos dedos cruzados, que só sexa unha anécdota máis pronto que tarde. Que así sexa. Se a Catedral de Santiago non está capacitada para manter a seguridade dos seus tesouros, estes deben pasar á custodia da Xunta, que debe contar cun extra do Estado para tal cousa. Prefiro non seguir, son de Compostela. Cando apareza falamos diso.
Outra noticia extraordinaria: EU de Estremadura consuma o seu disparate. Eu non creo que sexa un erro político: tiñan todo para facer un gran pacto de progreso cos socialistas e tírano pola xanela. Hai máis que erro político nisto: hai conivencia coa dereita e certa limitación mental, as dúas cousas xuntas. E probablemente tamén hai algún odio acumulado. O ideal para cambiar o mundo. Os comentarios dos implicados non merecen comentario.
Boa noticia é que Trichet apoie os bonos portugueses, a ver se entre todos buscamos alternativas a eses delincuentes internacionais que operan co curioso nome de "os mercados".
Rubalcaba vai tomar a saída. Conviría traballar o fondo do asunto máis que os oropeles vacuos dunha concepción estrafalaria, excedida e infundada da comunicación política e electoral. Mañá será outro día, se cadra xa co Codex.
0 comentários :
Danos a túa opinión