Iago Castro.-
Entre o fin do século XIX e a primeira metade do XX –até 1936- saíron das prensas galegas centos de cabeceiras de prensa local, nunha época nunca igualada de florecemento deste tipo de medios.
Calquera vila ou pequena cidade de Galicia ten na súa conta varios destes xornais, de vida efímera moitas veces, pero que en algúns casos acudiron á súa cita periódica cos lectores durante varias décadas.
Daquelas, hoxe apenas sobreviven algunhas xa convertidas en centenarias, máis polo tesón dos seus responsables que, agás raras excepcións, pola súa rendibilidade, navegando azarosas no inmenso espacio polo que campan os modernos mass-media.
O mundo moderno é denominado, con razón, a era da comunicación. Grazas ás facilidades tecnolóxicas, temos ao noso alcance case en tempo real todos os acontecementos que ocorren en calquera lugar do planeta, aos seus protagonistas, os seus efectos. Todos sabemos quen son, por exemplo, Hamid Karzai, Ban Ki-moon ou Nick Clegg. Asistimos divertidos ás habituais rifas coas que se entreteñen os deputados dos parlamentos asiáticos, coñecemos ao detalle o escándalo dos pinchazos do News of the World e, se cadra e a Al-Jazeera está no allo, podemos asistir en directo a calquera revolta popular que se desencadee no máis remoto lugar de oriente medio.
Somos, en fin, os seres humanos máis e mellor informados da historia. Ah, unha pregunta: sabe vostede como se chama o concelleiro de facenda do seu concello? E cando foi o último pleno? Non sabe que asuntos se trataron? Faga memoria: podería describir cómo é a sala de sesións da Cámara dos Comúns? Si, sae a miúdo nos telexornais, está presidida por un enorme cetro, xusto diante do speaker. E agora podería describir o salón de sesións do seu concello?
Claro que hai un abismo entre os antigos xornais locais e os modernos medios, pero, tamén, dúas concepcións distintas da noticia. No pasado, a accesibilidade á información producida fora dun restrinxido ámbito xeográfico era escasa e case sempre de segunda man, polo que os periódicos tiñan que, por forza, circunscribirse ás fontes próximas. Ao tempo, agás as pequenas elites instruídas, a necesidade de información dos lectores limitábase case únicamente aos feitos máis inmediatos. Sen embargo, estas trabas actuaban favorecendo o xurdimento de numerosas iniciativas xornalísticas, xa que unha pequena nómina de redactores ben informados, unha pequena máquina de imprimir e un fato de suscritores abondaban para ir tirando catro páxinas semanais, estando o campo aboado para a defensa de todo tipo de intereses, tanto políticos (conservadores, republicans, liberais, rexionalistas) como sociais (Igrexa, grupos anticlericais, sindicatos) ou culturais. Calquera podía, cos ingredentes sinalados, poñer na rúa un xornal.
Como queda dito, a información producida en calquera parte do mundo é hoxendía máis accesible gracias aos avances tecnolóxicos. Os cidadáns demandan un grande volume de información, a ser posible actualizada, e teñen a relativa posibilidade de contrastala, quedando con aquela que máis aprecien. Isto require medios distintos, máis profesionalizados e cun óptimo e directo acceso ás fontes. A información, aínda que abondante, non é barata. O xornal moderno, a radio, a televisión, precisan dun enorme –e custoso- soporte tecnolóxico. Como consecuencia, o factor económico é un primeiro condicionante, entre outros, que dificulta o acceso aos medios de moitos grupos de opinión e deixa o control da información nunhas poucas mans. Os medios audiovisuais –radio e TV-, ademáis da economica, presentan unha segunda barreira en forma de concesión admistrativa que, baixo a escusa da racionalización do espectro radioeléctrico, oculta un posible –eu diría certo- control gobernamental.
Pero, neste panorama, existe aínda un enorme espazo para a iniciativa e está, fundamentalmente, na recuperación da prensa local, esquecida e abandonada. Que os grandes medios monopolicen o sector non quere dicir que cubran suficientemente os niveis máis básicos da comunicación. Ademáis do dito, non esquezamos que moitos dos nosos grandes poetas e narradores comezaron as súas traxectorias no xornal do pobo. Cal dos modernos periódicos publicaría, por exemplo, un poema do novel Noriega Varela?
Neste espacio non aproveitado de liberdade, a tecnoloxía é unha grande aliada: internet é campo aboado para que floreza esa prensa máis cercana, cunha maior capacidade de análise do entorno inmediato, que facilita unha maior participación dos cidadáns cada vez máis motivados e dotados de ferramentas tecnolóxicas xamáis soñadas.
0 comentários :
Danos a túa opinión