Xulio Xiz.-
Hai uns días, recorrín o tramo entre Rábade e Vilalba coa estrada en obras pola zona de Begonte, con importante ampliación en puntos onde hai cruces con outras estradas de nivel inferior, co que seguro que se vai producir unha importante mellora na seguridade da circulación. O malo é que mentras duran as obras experiméntanse retrasos no tráfico, xa que os días laborables hai paso nunha soa dirección regulado por un
semáforo, á altura de Saavedra, e no tramo en obras a estrada está sen pintar nalgúns lugares, nin siquiera con pintura amarela prevista para as obras, e da medo pensar que unha circunstancia así poida posibilitar, xa
non digo orixinar, un accidente.
Circulei despacio, que tiña gañas de repasar un tramo que hai cun radar, xa por Noche, preto de Vilalba, onde xa me multaron dúas veces por ir a unha velocidade maior da prevista polos sinais colocados na estrada. A última das multas, o pasado agosto, cando iría eu pensando nas miñas cousas
e segundo o aparato medidor pasei a 94 en lugar limitado a 70. O resultado, 100 euros, que se viron reducidos a cincuenta por “pronto pago”.
Hai puntos elixidos estratexicamente para sacar diñeiro coas multas, e este é un deles. Porque indo atento descubrín que, efectivamente, hai un cartel anunciador do radar ó remate da legua dereita, subindo a costa cara a Noche, que outras veces tenme pasado desapercibido. E logo, fixándome, vin o aparatiño que está un pouco máis adiante, ben visible para o que vaia atendendo á cuneta dereita.
Agardo que as próximas veces que circule por ese tramo non caia de novo nesta trampa que é tan traicioneira coma as redes postas mortas nos ríos para que as escasas troitas queden enganchadas nelas. As redes nos ríos están prohibidas, pero os radares traicioneiros non, que seguro que á larga conseguen – eu prometo ser máis cuidadoso- que os conductores circulemos co xeito previsto polos que colocan os sinais, en tramos que se supón son problemáticos.
0 comentários :
Danos a túa opinión