V. Outeiro
Edicións Xerais acaba de publicar, entre as súas novidades, a biografía “Luís Soto. A xeira pola unidade galega”. Sobre esta figura polifacética do nacionalismo galego escribiu Xurxo Martínez González. Falamos con el.
Cal foi a motivación para emprender o teu traballo de reconstrución da figura de Luís Soto?
A sintonía e proximidade que sentín con protagonista, creadas por varias persoas como Ferrín, García Crego ou Xosé González (Pepe de Redondela). Estes trataron moito a Soto e animáronme a escribir algo sobre el. A idea inicial era facer un artigo de investigación pero a figura de Soto abranguía demasiados eidos. A súa actividade era digna de ser coñecida e recoñecida. Velaquí o resultado.
Suponse que no momento de comezar coa esculca tiñas algunha idea sobre Soto: deches con algunha sorpresa especial sobre a súa figura?
Polo xeral sábense tres cousas: que acompañou a Castelao por Cuba e Estados Unidos; que participou na fundación da UPG e que dirixiu Vieiros. Non son actividades banais.
Porén, Soto despregara unha tarefa monumental dende os tempos da República até o exilio en México. Aparece como unha das figuras máis dinámicas, con distintas responsabilidades políticas, sociais ou culturais. Citemos algunhas: dirixente da Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense (ATEO), director de Nueva Galicia, membro da dirección do PCE en México, secretario xeral da Comisión Galega do PCE, delegado da Internacional de Traballadores do Ensino, redactor de España Popular e Nuestra Bandera, dirixente da Alianza Nazonal Galega, director de Vieiros, secretario xeral do Padroado da Cultura Galega, fundador da UPG e do PGP etc.
Parece difícil soster que Luís Soto foi un home de segunda fila. El foi un motor de explosión en múltiples iniciativas.
Que destacarías da personalidade política de Luís Soto?
A coherencia e firmeza nos principios nos intres bos e malos. Soto sentiuse identificado coa liña do frentepopulismo e con esa idea morreu. Foi un dos responsábeis de integrar a ATEO na UXT dentro da liña deseñada polo PCE naquela altura. Na guerra civil potencia xunto a Castelao a Solidariedade Galega Antifeixista. No exilio aínda é máis clara esta postura. Mais sempre quixo engadir un matiz: as novas estruturas debían posuír autonomía. Se o PCE potenciaba a XSUN pois Soto potenciaba a Comisión Galega de Axuda á XSUN, por exemplo.
A súa gran teima foi a creación dun partido de orientación comunista ao servizo da nación galega. Eis a súa gran contribución política. Acadou o obxectivo co nacemento da UPG.
Sindicalismo, política, cultura... Podemos definir a Soto como un home total?
Pouco lle quedou por facer a Soto. O seu dinamismo e dispoñibilidade para a loita é digna de imitar. Malia as doenzas que sufría, que ás veces o tiñan encamado meses enteiros, non o afastaban do compromiso activo. Soto non era un militante pasivo, un que está por estar, que pasa por alí para ter un carné. Non hai actividade do exilio galego en México onde non estea Soto e fose sindical, política, cultural ou internacional.
Non pensas que Luís Soto sería merecente dunha maior atención por parte das e dos nosos historiadores?
Sen dúbida porque Soto ofrece un guión diferente para interpretar, por exemplo, o exilio galego. Polo xeral séguese, máis ou menos, o discurso oficial do exilio de Bos Aires. Soto foi crítico co Consello de Galiza no seu nacemento malia a amizade con Castelao, que manterían deica a morte do rianxeiro. Porque a vida de Luís Soto permítenos seguir a defensa da liberdade de Galiza dende unha interpretación marxista. Facer unha historia do nacionalismo non é cinguirse ao Partido Galeguista, a Castelao ou a Ramón Piñeiro. O nacemento da UPG, por exemplo, debe ser posto á luz da tarefa de Soto por teorizar un nacionalismo de práctica marxista.
O fondo privado de Soto foi entregado en 1993 , grazas á mediación de Elixio Villaverde García. Toda esa inxente documentación (até 18 caixas) debeu ter maior atención á hora de escribir a nosa historia.
Tampouco o mundo do nacionalismo político parece prestar a atención debida ao noso personaxe...
Luís Soto foi esquecido porque formou parte dos vencidos. Non só os da guerra civil senón os da historia moderna do nacionalismo galego. Se Soto decidise continuar na UPG tras o conflito de 1976 entón este libro xa se tería publicado.
Un dirixente como foi Soto debía aparecer no discurso do nacionalismo de esquerdas. Seguramente foi o primeiro gran ideólogo dun nacionalismo de orientación marxista. Está detrás do primeiro xornal comunista monolingüe en galego. Os seus traballos teóricos están no Arquivo Provincial de Ourense. Ninguén pode dubidar de que era a persoa máis formada das que fundaron a UPG. Soto viña da dirección do PCE; da executiva da Federación de Ensino da UXT durante a guerra; viña de liderar a corrente interna dos comunistas galegos que quería un PCG; tiña un vasto coñecemento da cultura galega e da teoría marxista-leninista etc.
Que outras figuras ou acontecementos da historia de Galicia pensas serían merecentes dun mellor estudo e proxección?
Tense traballado arreo nos libros de memoria e biografías. En poucos anos apareceron cousas sobre Xoán Xesús González, Víctor Fraiz, Benigno Álvarez ou mesmo Placeres Castellanos, por citar algúns que tiveron relación con Soto. Hai anacos da historia que contan con importantes investigacións (o que máis, seguramente, o período bélico do 36). Mais hai outros tramos en claroescuros como boa parte do XIX galego (salvando as achegas de Barreiro Fernández para a francesada e o levantamento de 1846) ou a historia máis recente do nacionalismo.
Considero, entre outros, que os episodios acontecidos na UPG deberían ser contados dende a óptica dos que foron expulsados deste partido. Non só dende o feito puntual senón tamén dende o ideolóxico. Cito os sucesos de 1976 ou a escisión da que naceu o PCLN. Descoñezo onde está gardada a memoria de persoas como Pepe de Redondela, García Crego, Xosé María Brañas, Manuel Reboiras, Ramón Muñiz, García Montes, Mariano Abalo, Xan Carballo etc. Estas persoas, que conformaron unha das xeracións máis determinantes do nacionalismo galego, deben contar a súa versión e deben aparecer persoas dispostas a recollela.
0 comentários :
Danos a túa opinión