Congreso de Periodistas de Galicia

Manuel París.- Esta mañá deu comezo en Santiago de Compostela o Congreso de Periodistas promovido pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG). Baixo o lema Un futuro para a profesión xornalística, o Congreso conta coa análise de destacados profesionais do mundo da comunicación, tanto de Galicia como do resto de España. Así, nesta cita están presentes os directores dos principais medios galegos, xunto cos máximos responsables da CRTVG, directores de comunicación de empresas relevantes e os decanos das facultades de Ciencias da Comunicación de Santiago e A Coruña, entre outros.

No acto oficial de inauguración, o Secretario Xeral de Medios da Xunta de Galicia, Afonso Cabaleiro Durán, destacou que “somos conscientes da necesidade de regular un marco máis estable e activo de políticas de fomento da difusión, a innovación, a creatividade e a calidade, de apoio á procura de novos modelos de negocio e de formación para evitar a destrución de emprego contribuíndo á transformación industrial”. Cabaleiro referiuse aos procesos e proxectos de transición da televisión e a radio dixital, da reordenación e repartición de frecuencias de radiofusión, da promoción da difusión dos medios de comunicación impresos e dixitais e na lingua propia de Galicia, da reforma lexislativa da CRTVG, da proposta de lei de publicidade institucional e da nova lei do audiovisual de Galicia, que será presentada o próximo ano, ao mesmo tempo que se promoverá a creación dunha Autoridade Audiovisual específica.

En pleno proceso de cambios motivados pola conxuntura económica e a propia evolución da profesión xornalística, desde a APG exponse a necesidade de celebrar este encontro, co que se pretende revisar determinados aspectos do exercicio da profesión xornalística e intercambiar algunhas certidumbres para despexar os grandes interrogantes do sector. Así, nas mesas redondas debateranse cuestións de actualidade como o desenvolvemento dos novos soportes, a crise no colectivo, o futuro das empresas xornalísticas, as alternativas para a profesión e a comunicación corporativa.

Desde a súa fundación, un dos obxectivos da APG foi levar a cabo iniciativas que permitisen a creación dunha entidade de encontro de todos os xornalistas, un ente que promovese a unidade, dignificase a profesión e tivese unha actividade incesante a favor dos profesionais. A celebración deste Congreso responde ao obxectivo fundacional da entidade promotora, presidida por Arturo Maneiro.

Tras o acto inaugural tivo lugar a conferencia inicial, a cargo de Javier González Ferrari, presidente de Uniprex-Onda Cero, que foi presentado por Angel Botana, vicepresidente da APG e ex director da Cadea Ser. González Ferrari fixo mención a que o momento actual para os medios de comunicación é moi complicado porque “chegamos practicamente ao óso do funcionamento, tanto dos medios como da profesión” e dixo que hoxe en día sobran moitos medios de comunicación e tamén xornalistas que non saben onde van situar o seu futuro profesional. “Por desgraza, os EREs son tónica habital nos medios de comunicación, onde non se contrata practicamente a ninguén e séguese despedindo a xornalistas”, puntualizou.

Pola súa banda, o Reitor Magnífico da USC, Juan Casares Long, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, acudirán ao acto de clausura, onde se exporán as principais conclusións deste encontro profesional.

25 de nov. de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión