Carta aberta ao Sr. Conselleiro de Educación

Xavier P. Docampo.-

Prezado señor Vázquez Abad: Vaia metedura de zoco! As malas compañías e a incompetencia acaban de lle xogar unha mala pasada, señor conselleiro, e vostede picou, non sei se por ignorancia ou por chulería, pero o caso é que meteu o pé nunha poza. E o que conseguiu foi dar unha proba de incompetencia para o seu cargo semellante á do Valedor do Pobo, outro que tal baila. Valeu isto para demostrar unha vez máis que o seu odio á lingua galega faille perder o sentido da prudencia.
 
Este medio no que escribo só ten sentido cando se aproveitan as posibilidades hipertextuais que dá para que o lector teña toda a información precisa, imos pois aló.

Trátase dun home, algo teatral el, que quere borrar a lingua galega da súa vida (el saberá por que), aínda que para iso teña que facelo tamén coa de todos os galegos e galegas. Agora, ademais, representa a un partido político que dirixe unha muller pública no sentido menos pexorativo da expresión. Pois ben, este individuo fixo unha reclamación disparatada diante do Valedor do Pobo, quen, para non ser menos, deulle a razón. E vostede agora veu a lle poñer o ramo prometendo unha resolución da Consellaría que é outro disparate.

Imos ver, Señor Vázquez, vostede coñece o Estatuto de Galicia? Di ou non di no art. 5 punto 1  que a lingua propia de Galicia é o galego? E dí así, sen máis. Xa sei que no punto 2 di máis cousas... e no 3, onde lle recorda a vostede e ao señor Valedor do Pobo que teñen a obriga de protexelo e non de demolelo como están a facer. Dígame (e se non o sabe pregúntello ao señor López González) se todos os libros que citan o artigo 3, punto 1 da Constitución española  deben seren corrixidos por non citaren os puntos 2 e 3? Va que tal cousa non tería pés nin cabeza?

Eu ben sei que a vostede e aos que son coma vostede dóelles que o Estatuto de Galicia diga que a lingua propia de Galicia é o galego e que quixeran borralo. Pois veña, déanlle para adiante e cámbieno, pregúntenlle ao pobo galego se quere renunciar ao seu máis singular e milenario signo de identidade. Pero non o farán, porque o signo distintivo de vostedes é a actuación raposeira dos covardes. Por iso día tras día aproveita para ditar decretos e normas que lle van tirando á lingua propia de Galicia os  minguados dereitos de que gozaba.

Pero é que ademais vostede non ten potestade para mandar corrixir un libro de texto, se alguén considera que nel hai algo puníbel deberá recorrer aos tribunais de xustiza, así que deixe de se espolincar na punta dos pés coma un censor franquista. En realidade, despois disto, o que debera ocorrer era que vostede fose destituído e que o Valedor do Pobo renunciase, pero por se isto non sucede, o que sería ben é que o PSdeG e o BNG, que no seu día apoiaron o nomeamento como valedor do señor López González, tivesen a valentía de facer pública e no Parlamento de Galicia a retirada da confianza que un día lle outorgaron.

Máis nada por esta, señor Conselleiro. Atentamente,

14 de dec. de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión