Fermín Bouza.-
Un problema máis, e non suave, ao que expón Iñaki Urdangarín á súa familia política e a todos nós, que sempre procuramos, con poucas excepcións, deixar espazo á Monarquía sen crear máis problemas que os obvios (transparencia e esas cousas normais en calquera país normal). Sabiamos que a trouxo Franco, pero tamén sabiamos que El-Rei xogara un papel transcendental para aforrar sangue e bágoas aos cidadáns dun estado edificado desde o totalitarismo máis absoluto ao que el tamén empuxara cara á democracia de forma clara e continua mentres as xentes máis organizadas gañaban a rúa e a liberdade de todos. Agradecémosllo desa maneira.
Non fixemos diso un problema, podéndoo facer, e demos por sobreentendido que todos eles o entendían así, o que os obrigaba a unha especial conduta de responsabilidade. E así foi, en xeral. Agora chega esta noticia inquietante. Quizais o imputado se defenda e aquí non pasou nada. Non o parece, en principio, aínda que ás veces as aparencias enganan. No meu caso persoal, a miña posición sobre a institución apoiábase no que consideraba e considero unha evidencia: é moito máis complicado, nun estado como este, dar golpes de estado cun Rei por medio. Xa tivemos un exemplo o 23-F, ao que algúns irresponsables seguen identificando tontamente co mesmo Rei.
Pero as Forzas Armadas xa non son aquelas, e os vestixios do franquismo no seu interior son arqueoloxía familiar e pouco máis. Hainos, evidentemente, pero son minoritarios. Poderían non selo en circunstancias máis complicadas, e estamos a entrar nun ciclo económico e político complicado. É importante que este episodio marque un antes e un despois con respecto á institución no sentido de que esta debe render contas responsablemente (accountability) dos seus actos, con rigor político, non maiestático.
O hieratismo dos actores históricos xa non é importante, tampouco para os retratos de cámara, pero é extraordinariamente importante o seu sentido da responsabilidade e a súa proximidade para explicarnos as cousas. Son unha institución política e están aí pola súa función política, nada que ver coa graza de deus, que ten outras tarefas no cosmos infinito.
0 comentários :
Danos a túa opinión