Redacción.-
O Nadal xa se celebraba antes do nacemento de Cristo. San Nicolás andaba a repartir agasallos no noso país antes do que os Reis Magos. A orixe da Feira do Capón de Vilalba está no século IX. O solsticio de inverno coincidiu no seu día en Santa Lucía e non era raro que en datas de Nadal se visen máscaras de Entroido. Estas son algunhas das sorprendentes cuestións que amosa Antonio Reigosa en Trece noites, Trece lúas un libro que quere darlle explicación a qué celebramos exactamente nestas datas, e que amosa tradicións de noso que, nesta altura, han resultar estrañas a moitos.
Co subtítulo Libro das marabillas do Nadal, a obra de Reigosa con ilustracións de Noemí López, fai un repaso de cuestións básicas arredor da celebración. E é que nestas festas non todo é, nin moito menos, o que semella a primeira vista. Segundo explica o autor no libro “O Nadal supón a cristianización dun vello rito de paso ou de renovación cíclia, do transo morte-resurrección que se produce no solsticio de inverno”. A pegada das celebracións previas ao cristianismo nestas festas percorre boa parte da obra. “No libro trato de ver o que celebramos realmente e responder a cuestión elementais arredor deste ciclo. Analízase por quê se di que Cristo naceu o 24 de decembro, antecedentes como o culto a Mitra ou a Festa do Sol Invicto en Roma” O título do libro, segundo lembra o autor, fai referencia ao número de noites que transcorren no tempo de Nadal, entre o 24 de decembro e mais o 5 de xaneiro, canda ao feito de que as festas se desenvolven no transcurso da décimoterceira e última lúa do ano.
Datas espalladas
Unha cuestión complicada á que se tivo que enfrontar Reigosa nas súas investigacións para elaborar esta obra foi o baile de datas ao que se viron sometidas estas celebracións. É dicir, se o solsticio de inverno é astronomicamente o día 21 ou 22 (segundo anos bisestos e axustes semellantes), ¿como é entón que se celebra simbolicamente no 25? Aínda máis, ¿como se explica o dito de “Por Santa Lucía mingua a noite e medra o día” cando a santa se celebra o 13 de decembro e os días non comezan a medrar ata logo do solsticio? As modificacións de calendarios que se deron ao longo da historia e as diferentes solucións que lle deu a Igrexa á cristianización e celebración das súas festas provocaron que feitos que, no seu momento coincidiron nun mesmo día se fosen espallando en toda unha área do calendario. Así, segundo sinala o autor “cos desfases que se foran acumulando no calendario, Santa Lucía cadraba aproximadamente no solsticio, e no século XVI mesmo era dou días despois. Entón tiráronselle dez días ao calendario alá no mes de outubro para axustalo e a data da Santa, que non se moveu, quedou no día trece. Con estes axustes o dito, que semellaba absurdo, colle sentido”. Descóbrese entón que orixinalmente esta celebración estaba tamén vencellada ao Nadal. “Realmente é unha santa apócrifa, que substitúe unha divindade anterior relacionada coa luz”. Celébranse aínda na súa honra no país tradicións como a Noite da Luz de Sedes, Narón. Nesta data os veciños soben desde a capela da Santa ata o Monte Esperón levando luces, e alí prenden trece grandes fachos. Noutros lugares do país, e alén das nosas fronteiras, atopamos celebracións semellantes en datas diferentes.
Lumes
Unha das que se celebran en diferentes momentos segundo o lugar é a do lume novo, que ten múltiples variantes en todo o país e atopar reflexos por toda Europa. “O lume simboliza o sol, e por iso era habitual prender un tizón ou un lume novo na lareira da casa, abrindo un novo período no ciclo agrícola”, explica Reigosa. O costume ten múltiples variantes, desde deixar prendido un mesmos tronco ao longo de todas as festas, ata o prender e gardar despois a borralla con fins medicinais ou para favorecer a colleita. Noutros lugares, co nome de Lume Novo prendíanse grandes fogueiras comunais que se saltaban como en San Xoán.
Agasallos
Reigosa sinala no seu libro, fronte ás voces que reclaman os Reis Magos como unha tradición máis propia do que Santa Claus, que en Europa en xeral foi á inversa, e que esta foi anterior. “Semella que levamos cos reis desde sempre, pero na realidade comezaron a se popularizar no século XIX, por un esforzo da Igrexa. Anteriormente estaba San Nicolao”. Aínda que o autor recoñece que a iconografía actual desta figura “débeselle á Coca-Cola, que é quen o lanza á fama”, sinala que previamente a esta encarnación, “era o que traía agasallos en toda Europa, aínda que non estamos certos de ta que punto estaba implantado en Galicia. En todo o xeito era unha tentativa de cristianizar as figuras, xa prerromanas e romanas, do personaxes que traían agasallos no final do ano”. A ese respecto, e como xa ten manifestado en anteriores ocasións, o autor recoñece a importancia de reivindicar figuras como a do Apalpador ou Pandigueiro. “Non hai moita documentación, pero si abonda para certificar que existía ese personaxe que baixa do bosque e lle dá comida a nenos. Agora non ten ese sentido de axudar a nenos con problemas de alimentación, e agardamos que non o teña que ter nunca. Entón convertelo en personaxe que fai o mesmo que os Reis ou Santa Claus é complicado, porque estes teñen detrás toda a forma uniformizadora das multinacionais e as campañas publicitarias, pero é bo no sentido de dar a coñecer a súa existencia, a súa función e contribuír a representar un Nadal menos uniforme”.
Aninovo
Para alén de Noiteboa, na sociedade tradicional galega o Aninovo tiña unha significación especial. Malia a que de novo atopamos variacións nas datas exactas duns e doutros ritos, era común en moitos lugares que se fixese nesta noite unha previsión do tempo dos vindeiros doce meses. “Isto aínda é algo que se mantivo ata tempos relativamente recentes. Facíase pondo cascas de cebolas na ventá ou areas de sal no calendario. En moitos lugares, como é o caso de Becerreá, “facíase o rito de coutar o ano, que mo descubriu Helena Villar. O patriarca da casa, desde a porta, recitaba unha fórmula coa familia para espantar os males que puidese traer o ano novo”. E é que esta noite, a de San Silvestre, era coñecida como especialmente sensible en canto á presenza de defuntos na casa e á saída das meigas. “Hoxe todo o que facemos é comer as uvas e ver a televisión”.
O paxaro de Lourenzá
Unhas das máis curiosas tradicións que recolle a obra é a solta do Rei Charlo en Lourenzá. Por estas datas “os abades, que eran os amos daquilo, soltaban un paxaro pequeno que tiña o papo rubio, non se sabe ben cal era. Os veciños ían á súa caza, e quen se facía con el podía participar na elección dos alcaldes, que eran escolleitos polos abades. Isto é semellante ás eleccións de reis de cultura célticas ou atlánticas”, e explica por qué os de Lourenzá se lles coñece como “os da Terra do Paxaro”.
Conexión entroido
Aínda que semellan tempos contrapostos, na sociedade tradicional atópanse as conexións entre o Nadal e o Entroido. Deste xeito, é o 1 de xaneiro cando saen por vez primeira os peliqueiros en Laza. Ademais, “está documentado que a Misa do Galo era unha festa chea de bromas e de bulras, e que se levaban paxaros ou se lles botaba polvos pica-pica aos asistentes”, explica o autor. E están documentadas prohibicións da igrexa de empregar máscaras durante este período, amosando o arraigado do costume no pobo. Do mesmo xeito, as bromas propias da festa dos Santos Inocentes semellan unha pegada de celebracións semellantes e vencelladas ao Entroido.
Os pratos
Outros afectados neste proceso é a gastronomía, xa que semella que o prato máis habitual en Galicia para estas datas, o bacallau con verduras, está a se ver substituído por outras propostas culinarias. “A igrexa impuxo unha vixilia durante advento e non permitía comer carne ata despois da misa do galo. Isto durou ata 1918 e condicionou esa suposta tradición de comer peixe nesta época, sobre todo bacallau e outras especies que se podían conservar mellor”. De xeito paralelo a isto, as normas relixiosas explican tamén outra tradición como é o comer aves e unha das tradicións máis galegas destas datas, a Feira do Capón de Vilalba. “No século IX a Igrexa aceptou como excepción para esa vixilia o galo capado. E de aí xurdiu a tradición de comer capón. Houbo moitas feiras, tamén en Cataluña ou no sur de Francia. En realidade o de comer aves por estas datas ven xa dos exipcios e dos romanos, xa que o solsticio coincide co comezo da migración de aves do sur cara a Europa. Xa entón se consideraba que anunciaban o bo tempo e celebrábase coméndoas”.
Recuperación
Reigosa advirte, en xeral, da crecente uniformización á que se están a ver sometidas as nosas celebracións de Nadal, e que se amosa no feito de que a maior parte dos galegos descoñezan moitos dos ritos recollidos no libro. En canto ás posibilidades que algunhas destes vellos costumes cobre nova vida, Reigosa non é moi optimista. “Non sei ata que punto son recuperables a nivel popular. Outra cousa é que haxa colectivos e institucións que fagan un esforzo por recuperar formas tradicionais”, apunta. Desde logo, os interesados en recuperar unhas festas máis galegas, teñen abondo onde escoller. E é que, para alén das mentadas, aínda hai costumes como os cantos de reis, as sortes, o boneco de Noitevella...
0 comentários :
Danos a túa opinión