David Otero.-
Son como son, e que sexan, pero que non se pasen. Que non se pasen para ofendernos e sobre todo faltarnos ao respecto. Eles, os do noso goberno (ao que non lle direi galego, pero goberno si), están onde están por haber sustantivo (galegas e galegos, GALICIA, pobo e nación) e así adxectivos e celebracións (datas de maior presenza e atención para recordo e afirmación determinada) e todo nunha esencia indiscutible de identidade que nos posibilita, facilita e determina, nos desenvolve, e nos orienta na cultura: a nosa Lingua Galega. Desde os anos vinte do século pasado, e antes , a proposta no traxecto do proxecto de Galicia foi celebrar o día da Patria o vintecinco de xullo e caese esta no día da semana que caese.
Outra cousa foi o que desta data se fixo e se fai, arestrora querelo poñer nun luns así de friamente, a sinal de calendario laboral, pero en nós, galegas e galegos, o fundamental non se move e está presente e consolidado no 25 de xullo, día da Patria Galega, non outro, día de loita e celebración, irmandade plena de reivindicacións. Outro tanto, e mire vostede Don Paco del Riego e tamén tantos outros como o mesmo Valentín Paz Andrade e a RAG, miren o que os de arriba se permiten. O de pasar a un luns de compensar empresarial o DÍA DAS LETRAS GALEGAS (como se o 17 de maio non tivese contido e significado e si parranda e praia se fixer bo tempo ou pontes de anuncio a ofertas de turismo).
Andan a xogar perigosamente co que somos e temémonos que no fondo de todo isto hai outras intencións que de seren certas, por elas, haberá que pedir responsabilidades e non poucas, xa que aquí non todo pasa de vez e veña a outra cousa que aquilo xa foi e amén.Pois non.Non teñen dereito a trocar días explícitos con valores implícitos. Días xa ben determinados en datas invariables. Días que nos definen e nos poñen nos mapas e a un ben deles por eles os colocan nos escanos dos gobernos e nos postos de altos soldos e cualificacións.
Eu non quero recorrer aos mortos, pois entendo que os vivos bastarán, pero permítaseme que pregunte que dirían disto e que farían Rosalía, Alexandre Bóveda, Castelao, Victor Casas, Rajoy Lelup, Anxel Casal, Otero Pedrayo, Celso Emilio, Valentín Paz Andrade, Don Paco del Riego, Moncho Reboiras, e tantas e tantos, se isto pasase cando eles traballaban intensamente pola construcción de Galicia, pobo do galego? E xa que logo… que imos dicir e facer os presentes?
Galicia forma parte da grande creación da humanidade. Galicia, pobo do galego, ten as súas referencias, datas de ben e sinaladas, entre elas, o dezasete de maio e vintecinco de xullo, Lingua e Patria, e non poden celebrarse en baseamentos de neocoms ou neoliberais. Basta de loros servís a piratas de investimentos. Non todo, ou nada, debese medirse por rendas de cotizacións en mercados. As nosas datas non son parte nin trato de mercaderías.Estas datas irrenunciables non son cousas de mercadeos, de comenencias ou oportunismos, sexan libros ou turismo. Estas datas son moito máis. Son referentes que nos axudan a andar, a vivir en plenitude como membros dun pobo e dunha patria, dunha nación.
Os cambios que pretenden desde a casa grande San Caetano son golpes directos aos corazóns do noso maior maior corazón (Galicia). Non teñen dereito a facelo e si o deber de conservalo como está e a poder ser (que iso non ha ser doado no caso deles) facelo medrar e desenvolver. Ir a máis e mellor.
David Otero é mestre e escritor
0 comentários :
Danos a túa opinión