Redacción.-
O intelectual e referente do galeguismo histórico, Isaac Díaz Pardo (Compostela, 1920), finou hoxe no Hospital San Rafael d´A Coruña, logo de pasar varios días hospitalizado a causa dunha pneumonía.
Fillo do pintor Camilo Díaz Baliño, o seu pai foi asasinado nos primeiros momentos da Guerra civil española, feito que o marcou fondamente.
Despois da guerra cursou estudos na Escola de Belas Artes de San Fernando. A partir de aí, comezou a súa participación pública en diversas iniciativas. En 1941 participou na primeira experiencia española sobre deseño industrial, e en 1942 fixo unha viaxe de estudos en Italia. Pasou logo a ter unha praza de profesor na Escola Superior de Belas Artes de San Jordi de Barcelona e comezou as exposicións en España e no estranxeiro (Europa e América).
Abandonou despois as artes plásticas, pasando á cerámica e fundando con outros socios a fábrica de Cerámicas do Castro no Castro de Samoedo (Sada), o que repite na Arxentina, onde construíu xunto con outros destacados galeguistas o Laboratorio de Formas, precursor doutras actividades de desenvolvemento como as levadas a cabo na Cerámica de Sargadelos, o Museo Carlos Maside, a editorial Ediciós do Castro, o Seminario de Estudos Galegos, etc.
Como escritor de ensaio e crítica, destacan os seus libros Xente do meu Rueiro, O ángulo de pedra, Galicia Hoy (xunto con Luis Seoane), Paco Pixiñas (con Celso Emilio Ferreiro), El Marqués de Sargadelos, etc, ademais de abondosos artigos en prensa
Recibiu diversas distincións e recoñecementos, coma o Pedrón de Ouro (1976), a Medalla de Ouro e Fillo Predilecto da cidade de Santiago de Compostela (1988) ou a Medalla de Ouro de Galicia e a Medalla ao Traballo[1] en 2007. No ano 2009 foi designado Chairego de Honra pola Irmandade Manuel María.
0 comentários :
Danos a túa opinión