A guerra contra os pobres

Ramón Chao.-

Hai uns trinta e cinco anos escribin un artigo no xornal El Pais que intituléi : Pobres paises pobres!, e xa o tiña esquecido. Hai cousa dun mes, cando Carmen Carballo me convidou a participar nun coloquio sobre as guerras, lembreime del e pareceume que o drama que afectaba ás categorias mais desfavorecidas do mundo aumentou, e convertiuse nun conflito mais mortífero que os bélicos.


Non dispoño, nin penso que podan existir, estatísticas sobre esta catástrofe, pero coido que o número de mortos, contando as doenzas, a fame e a miseria, sobrepasaría con moito o das víctimas de guerras. De feito, díxenme, a guerra contra os pobres existe desde sempre, está agora peor ca nunca, e aínda leva mañas de empeorar.

A division entre pobres e ricos empeza coa escravitude, e a escravitude data desde que o home se fixo sedentario, non se deu nas sociétés primitivas nómadas, e descoñécese, por exemplo, nas tribus desta clase que subsisten na Amazonia ou en Papuasia.

En realidade, o desexo de acumulación apareceu coa sedentarización, a agricultura e e a gandería.  Neste novo contexto, as guerras pola apropiación de terras e de rebaños sáldanse con a captura de inomigos. E que facer deles? Nun tempo, xa daquela remoto, resolvíase coa antropofaxia. Despois, ou non lles sabía ben a carne humana, ou por ser máis rendible, decidiron afectar os cativos ás tarefas domesticas, á carpintaría ou a extracción da auga. Ffacelos traballadores que, en troques dunha minima alimentacion, permitianlle aos vencedores aumentar o seu nivel de vida. Esta foi a primeira función social da escravitude: manter con vida os escravos para sacar proveito deles.

Pese a que inventaran a democracia, os antigos gregos non tiñan reparos en praticar a escravitude dun xeito particularmente odioso. Nos escravos repousaba a economia, o artesanado, as labores domésticas e a explotación das minas de prata de Laurion, uns dos fundamentos do esplendor da Atenas de Pericles. A maioria dos escravos eran africanos, chamados  Etiopes (caras queimadas) e, entre parénteses, tampouco tiñan moita consideración polas mulleres, pechadas sempre no xineceo.

Se  ben Platon consideraba que todos os seres humanos, mulleres e homes, somos dunha mesma esencia, o seu discipulo Aristóteles defendía as desigualdades : "Resulta evidente - dicía-, que por natureza existen homes libres e escravos, e que para estes a condición servil é ao mesmo tempo xusta e vantaxosa".









En Roma os escravos formaban a terceira parte da poboación das cidades. Segundo o historiador  Olivier Pétré, "No apoxeo do Imperio, Italia contaba cuns tres millóns de escravos, ou sexa, entre o 35 e o 40% da poboación total.", e as suas condicións de vida eran inhumanas. Por iso se deu a primeira rebelión de escravos da Historia, liderada, como diriamos hoxe, e como ben se sabe, por Espartaco.

Máis perto de nos, o descubrimento das Américas marca una etapa importante na reafirmación da loita contra os pobres, comezando polos mal chamados indios. Para saquear o Novo Continente, precisábase dunha man de obra que os conquistadores non podian transportar aló e que tampouco tiñan aquí.

E como no século XVI, a escravitude xa era unha práctica corrente no Vello continente, sobre todo en Africa e no Mediterráneo, aplicouse nos novos territorios. Pero os coitadiños morrían como moscas, pouco afeitos a traballar nas minas e vulnerabéis ás doenzas que lles levaban de Europa, como a sífilis e outras…

Durante catro séculos, a trata dos africanos deportou a 15 millóns de homes, mulleres e nenos, ao que temos que engadir os masacrados no momento das cazas humanas. Historiadores hai que falan de perto de oitenta millons de habitantes africanos, e iso, unido á colonización e poscolonización, que é o mesmo e aínda dura hoxe, explica o retardo dun continente que foi o primeiro campo de batalla na guerra contra os pobres.

Tamén os Portugueses adoptaron esta solucion no Brasil. E non só levaban os cativos ao Novo Continente, senon que os expoñían nas feiras de Lisboa para vendelos como o gando.

Xa daquela prodúcese unha diverxencia entre o poderes estatais e privados, como pasa hoxe coas multinacionais e os Estados: En 1537, pouco despois da introdución da escravitude nas colonias de América, o papa Paulo III condenou esta práctica, apoiado polos xesuítas e máis polo rei de Portugal, pero non puideron facer nada contra os amos, do mesmo xeito que o ex primeiro ministro francés Lionel Jospin dixo que o Estado non podía loitar contra as multinacionais. De feito, a Igrexa contentouse con recomendar aos amos que non maltrataran inútilmente aos escravos, e a estes que obedeceran agardando unha recompensa no ceo. Diréi que a Igrexa mesma tiña os seus propios escravos, procedentes, como outros bens, de doazóns de personas crédulas e piadosas.

O haitiano Toussaint Louverture foi o primeiro escravo negro que entrou en guerra contra a escravitude e conseguiu liberar toda a illa. Alejo Carpentier conta a loita de Toussaint Louverture na novela «O reino deste mundo». Isto foi no 1801 en Haiti. Tristemente, aínda unha persoa no mundo, entre cincocentas, segue sometida á escravitude.

Cando a Revolución de 1789, Francia viuse obrigada a abolir a escravitude, por unha banda para calmar a rebelión dos escravos das súas posesions nas Antillas, e pola outra, para evitar  que os ingleses interviñeran e ocuparan esas illas. Pero é que xa se podían tomar esas medidas morais sen mingua para a economía, porque nos albores do século dazanove a guerra contra os pobres xa se disimulaba de outro xeito, menos visíbel, pero sempre en proveito dos posuidores de riquezas: Aparecia en Inglaterra a primeira maquina de vapor. Tamén, os altos fornos do Creusot empezaron a fumegar en Francia en 1785. Empezaba un proceso económico que desembocaría na industrializacion.

Ambos os dous países, Francia e Inglaterra, convirtéronse nun inmenso campo de traballo, pero non tiñan a capacidade de industrializarse por falta de man de obra. Francia en particular, infrapoboada desde principios do século dazanove, carecía de brazos abondos para abastercer todos os postos necesarios; como tampouco dispuña no seu chan das imnumerábeis mateiras primas para o novo desenvolvemento industrial.

Por iso, Francia sobre todo, apelou en masa á man de obra estranxeira, sen deixar de explotar ás capas autóctonas máis pobres e indefensas: nenos, mulleres, etc… E asimesmo, esta espansión industrial provoca e acentúa a colonización, particularmente no último cuarto do século XIX. Tanto Inglaterra coma Francia expoliaron Asia e Africa, respectivamente, roubando as riquezas agricolas ou mineiras, o que plasmou o deputado francés Jules Férry cunha frase célebre : «a politica colonial é filla da política industrial».

Puidérase pensar que a industrializacion sería unha fonte de progresos para os seus protagonistas, os obreiros. Ao contrario, o fenomeno da industrializacion enxendra un novo monstruo, o pauperismo. Preocupados unicamente polos beneficios, os empresarios protexen os seus intereses, apoioándose na lóxica implacable do dereito de propiedade, reinante no mundo rural e protexido polas institucions e pola relixion. Os obreiros sufren una pauperizacion aguda, en particular no sector textil, como atestigua a revolta dos tecedores de Lyon, os Canuts.

Os traballadores estranxeiros sufriron as peores condicións de vida, agravadas pola xenofobia e polo racismo: por exemplo, aos italians insultábanos alcumándoos "ritals", e aos polacos "polacs". Os industrais do XIX favoreceron primeiro as inmigraciós veciñas, como os belgas, italianos, españois… No século siguinte, o vinte, traénos de países máis lonxincuos, como Turquía, refuxiados xudeos da Europa do Leste, alxerianos, etc. Despois de 1945, chegan continxentes españois, portugueses, subsaharianos.

Ao rematar a segunda guerra mundial, nos anos cincuenta, ábrese un novo período de desenvolvemento, baseado na explotacion de novas forzas enerxéticas, traballos de reconstrucción, aplicación da siderurxia, da química, da industria de automóbeis, etc… e dentro destes trinta anos que chamaron “gloriosos”, de euforia financiera e monetaria, imponse a globalización con Reagan, Thatcher e Mario Vargas Llosa, seguindo despois  os socialmemócratas. A guerra contra os colonizados tivo outras consecuencias mais sarcásticas, porque estes axudaron a gañar a guerra aos seus colonizadores. Participaron na Liberación de Francia, coa esperanza ilusoria de que ao rematar a guerra ían dar a independencia a os seus paises. Ilusoria, digo, pois o mesmo día en que os aliados derrotaron aos nazis, en maio de 1945, arrecia a guerra contra os pobres, coas masacres  de Sétif i Guelma, en Alxeria, causando miles de mortos. Mitterrand, Felipe González…ata oxe.

Cabe sinalar que este desenvolvemento das técnicas aproveitase para usalo contra os pobres, como na industria do armamento, e en xeral, todas as que deterioran a natureza e o medio ambiente.

É curioso, ademais que os ardentes defensores da Patria unha, grande e libre, Aznar e consortes, sexan os principais adalides desta ideoloxía mercantil, que tende, aspira, loita por un mundo unido e sen fronteiras, suprimindo as estruturas do Estado-nacion, e instauraría un goberno mundial basado no proveito e na escravitude.

E non falo únicamente dos obreiros, empregados, asalariados que traballan por unha remuneración inícua e viven na miseria, polos que morren de fame, sida e outras doenzas curábeis; refírome aos que son captados, raptados como collían no século XVI aos africanos para levalos ás Américas: falo dos campos de traballo que se atoparon hai uns meses no "triángulo do tomate" na provincia de Foggia,  no sul de Italia, dirixidos pola mafia polaca con kapos e alambradas.

Falo de persoas que acumulan carencias graves, como o analfabetismo (unha das armas mais mortíferas das guerras contra os pobres) que se atopan sen traballo, sen teito, sen educación, con débedas, clandestinos sen papeis, dispostos a crer en calquera individuo sen escrúpulos que engañan aos màis vulnerábeis con propostas miríficas que se plasman en condicións infrahumanas.

Por eso é tan importante, e agora fago un inciso, a política de alfabetización levada a cabo por Cuba ao inicio da Revolución, e agora por Venezuela, porque a un pobo culto non se lle pode enganar, creo que o dicía José Marti.

E por iso, empalmo co de antes, esta clase de escravitude está moi extendida en Asia e en Africa, onde máis da metade dos nenos están desescolarizados, e xa, de adultos, ignoran os seus dereitos, fàltalles información, e están preparados para crer as  mentiras dos futuros explotadores.

Aos migrantes de hoxe cóllenos para os traballos domésticos ou como prostitutas. Unha estatística oficial norteamericana de 2002, fala de 700 000 víctimas en Francia desta clase de escravitude (cifras que non contan a escravitude dos nacionais). Cando as ilusas  inmigrantes chegan a Francia, os proxenetas quitánlles a documentación, secuéstranas e fórzanas a traballar unha media de entre 15 e 18 horas diarias, sen días de descanso nin vacacións, sin remuneración ou cando si, ridícula.

Moitas durmen directamente no chan, e según  Marc Béziat, presidente da Asociación de axuda os inmigrantes….. " danse casos de víctimas pechadas nos sótanos, e outras obrigadas a lavarse no water". Iso sen contar as aldraxes, os golpes e as violacións. Non poden comunicarse con ninguén: os amos prohíbenlles telefonar, ou fíltranlles as liñas. Illadas dese xeito, moitas analfabetas, descoñecendo os seus dereitos, non ousan fuxir, por medo á expulsión e ao cárcere.

Quen practica escravitude? Algúns son repatriados,  Franceses añorantes do nível de vida de que gozaban en Africa, e que traen as criadas con eles. E tamén moitos compatriotas das víctimas, protexidos pola inmunidade dilpomática, que exportan as prácticas dos seus paises de orixe. Pasa moito cos procedentes de Madagascar, onde  pervive o espírito de casta e unha situación de dominantes-dominados, que se reproducen no estranxeiro, axudados polo illamento das ou dos escravos.

Un caso especial é o das rapazas do Leste de Europa, que veñen a Occidente drogadas, crendo que van ser polo menos unhas novas Greta Garbo, e acaban de prostitutas traballando para os proxenetas ou de escravas en familias sen escrúpulos. Unha lei en Francia favorece estas actividades escravistas, pois permite dar traballo ás persoas da rúa a cambio de albergalas.

Dicía ao empezar que a primeira función social da escravitude é manter vivos os escravos para poder sacar partido deles. Xenofonte contaba deste xeito o trato que lle daba Ciro aos seus cautivos: "Levávaos aos abrevadeiros como a bestas de carga. Cando chegaba a hora da cea, dáballes unha pequena colación para que non lles viñera a bulimia, de xeito que lle chamaban «irmàn», ainda que a intención da sua caridade era de mantelos en vida para perpetuar a sua escravitude” 
.
De modo que a antigüidade inventou este sistema chamado "espórtula", que era o que facía Ciro; a Idade Media tivo a idea de transformar os escravos en servos, e a globalización convirteu aos escravos en parados, sen teito, sen papéis, que é a estratexia guerreira das multinacionais e dos organismos que sirven para implementar a sua dominación.

Nembargantes, a guerra contra os pobres ten un límite: o sistema neoliberal non sería perfecto sen eles. Hai uns meses lin un informe do Instituto de Recursos Mundiais, dependente do Banco Mundial, que se queixaba : "O sector privado é culpable de perder unha gran ocasión de facer negocio cos catro mil millons de pobres que eisisten hoxe no mundo" .

Ese informe refiríase á masa de seres humanos de Asia, Africa, Europa e de América Latina que gañan menos do nivel de pobreza das sociedades occidentais, "pero que se se engaden uns e outros, representan un potencial importante de negocio".

E por se non estivera claro, Luis Alberto Moreno, presidente do Banco Interamericano de Desenvolvemento, declara que, " interesarse polos pobres, que tamén son produtores e distribuidores dunha inmensa gama de produtos, non é un acto de caridade, senon unha posibilidade de facer negocios".

A conclusión é que o Banco Mundial comprendeu que non convén aniquilar a esos catro mil millóns de pobres que viven con un dólar por día, pois pódenlles sacar catro mil millóns de dólares.

28 de feb. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión