Luz Darriba falará de María Casares

Redacción. -

O Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza o venres 21 de abril de 2023, na Casa da Cultura de Vilalba, ás 20:00 horas, a CONFERENCIA “PARA RETER A AUGA. CONVERSAS AO REDOR DE MARÍA CASARES”, impartida por LUZ DARRIBA., artista e escritora. Presentará o acto MARISA BARREIRO, presidenta do Iescha. Esta será a terceira conferencia correspondente ao ciclo MULLERES GALEGAS, programado polo IESCHA para levar a cabo durante todo este ano 2023. A primeira tivo lugar no mes de xaneiro e correu a cargo de GERMÁN CASTRO que nos falou da científica galega ÁNGELES ALVARIÑO. A segunda, impartida por VANESA SISO, programase para o mes de marzo e xirou entorno á cousificación e mercantilización do corpo das mulleres. LUZ DARRIBA, artista e escritora Luz Darriba naceu en 1954, en Montevideo. Trasladouse en 1970 coa súa familia a Bos Aires, e vive dende 1990 en Galicia. Filla da diáspora galego-asturiana no Río da Prata, estudou Belas Artes e Filosofía e Letras na Universidade de Bos Aires.Como artista, realizou centos de exposicións, macrointervencións en espazos públicos (como a da Muralla de Lugo, con 659.000 libros) e recibiu numerosas distincións internacionais. Formou parte do staff permanente de Foeminas, a primeira revista virtual feminista do país (2005-2008). En 2010 retomou a súa vella vocación literaria, e publicou Toda a xente errante, a súa primeira novela (2012), Xoguetes para nenos cegos (2015) e O que o vento non se levou, relatos para espertar a memoria (2016). Recibiu nesta etapa varios recoñecementos, entre eles o Premio Ánxel Fole (2012). Os seus relatos forman parte de moitas antoloxías en España e Latinoamérica (como Bovarismos, antoloxía de relatos escritos por mulleres). Escribe unha columna semanal en Nósdiario e colabora con distintas publicacións internacionais.  

18 de abr. de 2023

0 comentários :

Danos a túa opinión