Eloxio (sentimental) de Rubín


Martín Fernández.- Xosé Manuel Rubín e máis eu fomos dous daqueles catorce apóstolos aos que Santiago Rey enviou a conquistar e a evanxelizar o mundo. Eran tempos duros e incertos nos que as noticias, cociñadas a lume lento, entraban, ás veces, nas redaccións, da man do revisor do coche de liña. Anos nos que todo estaba por vir e nunca, ou case nunca, chegaba. Entón, os caudillos locais -Trompetas e Barbacanas-tiñan longas e afiadas fouces coas que rozaban o seu camiño segando a herba baixo os pés. E a terra desprendía un bafo aínda quente polo lume cruzado de pasadas paixóns.

Esas eran as dimensións do teatro. E aí abrímonos paso como puidemos, a machetazos por ciénagas pantanosas. Foron frecuentes, e a miúdo soadas, as nosas refregas e desencontros con carnívoros de todo tipo porque iamos polo monte sos, como o xitano de Lorca. O maremoto do mundo non ofrecía máis horizonte que resistir, vivir de pé e ao pé de cada hora. Tanta incerteza e tanto cansazo acumulado deixounos unha pel dura, como lagartos do sol de tarde, unha certa desconfianza no ser humano, e unha irrefreable querenza polo sur, por certa rúa, por certa esquina.

Un día foi a nosa hora alta e puidemos dicir, tras a conquista de infieis: “Estes son os meus poderes”. E, en efecto, o eran. Iso soubémolo máis tarde: un xornalismo de instinto e gabán, de tabaco e suor. Ninguén nos regalou nada e nada conseguimos fóra do máis prezado dos tesouros: a calor duns poucos amigos, a memoria longa de certa xente, alta e decente, e o vago recordo de que alguén nos dixo, nalgún sitio, algunha vez: “sei quen es e o que fixeches”.

Agora dinme que se xubila Rubín e marcho rápido e dereito á súa homenaxe. A noticia chegoume por Twiter. Que tempos!. Hoxe ao xornalismo denomínano “Sociedade da Información” e á miña vella Margarita agora chámanlle “Margot”. Síntome como unha dorna varada baixo o paraugas xeneroso de Arturo Maneiro. E me reconfortan os honestos restos do naufraxio de moitos amigos que, coma min, tamén chámanse Rubín, unha referencia do mellor e máis íntegro xornalismo e un modelo de amigo, franco e leal. 

8 de xuño de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión