A Agadic intégrase no Gaiás


Redacción.-

A Axencia Galega das Industrias Culturais traslada a súa sede ao Gaiás en cumprimento dos obxectivos de eficiencia marcados no Plan Estratéxico

[16/10/2012] A AGADIC integrarase no edificio Centro de Emprendemento Creativo de Galicia, onde proximamente tamén se instalará un viveiro de empresas e unha zona de coworking.

A Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) trasládase á Cidade da Cultura de Galicia para continuar co proceso de integración do tecido cultural galego no complexo do Gaiás. Esta decisión, que está definida no Plan Estratéxico da Cidade da Cultura, é tamén unha medida de xestión eficiente dos recursos. Concretamente, co traslado das oficinas da Agadic conseguirase un aforro de preto de 300.000 euros ao ano en concepto de alugueiro e gastos correntes.

A AGADIC, entidade dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, trasládase ao edificio Centro de Emprendemento Creativo de Galicia, onde proximamente tamén se instalará un viveiro de empresas e unha zona de coworking. Este é o primeiro paso da integración do sector cultural galego na Cidade da Cultura, o que contribuirá á creación de sinerxías e organización de proxectos comúns.

Nesta mesma liña de xestión eficiente dos recursos, e seguindo as directrices que marca o Plan Gaiás, a Xunta tamén cambiou recentemente a ubicación da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Estes dous organismo integráronse no edificio coñecido como Centro de Innovación Cultural e Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Distribución dos edificios

Con estes cambios, a Cidade da Cultura avanza na configuración de usos definida no Plan Estratéxico da Cidade da Cultura para o período 2012-2018, que foi presentado no pasado mes de xuño polo conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad. Este documento é a folla de ruta desta infraestrutura para os próximos anos, achegando as claves para facer rendible os catro edificios xa rematados e para que o Gaiás sexa unha plataforma de creación e proxección exterior da cultura galega.

Deste xeito, segundo o Plan Estratéxico, o espazo integrado por os catro edificios estará organizado do seguinte xeito: o Museo Centro Gaiás, o edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia, o Centro de Emprendemento Creativo de Galicia (sede de AGADIC) e o Centro de Innovación e Modernización Tecnolóxica de Galicia (sede da Fundación e de AMTEGA).

25 de out. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión