Maiorías e minorías máis votadas

Fermín Bouza.-

Para saber exactamente que é o que hai que cambiar é preciso saber cal é a situación. A insistencia en que o PP gañou en case todos os municipios, verdadeira carraca da dereita xornalística, é unha parvada máxima: o PP (desde que existe e gaña maiorías) sempre ou case sempre foi a forza máis votada nos concellos galegos, o que nunca quixo dicir que fose a forza maioritaria. Normalmente, en moitos sitios, o voto da oposición de esquerda e dos nacionalistas é máis importante, ou moito máis importante, que o voto PP. A mesma dereita encargouse de falar do pentapartito (era só un tripartito: PSdeG, AEG e BNG) posible.

Pois iso, sigan sumando e déixense de torcer os feitos para crear máis néboa. Poñamos o caso da Coruña, perfectamente deformado polos vendedores de fume: o PP pasa do 43,51% de voto na cidade ao 39,66%. Perde case 4 puntos de cota. O chamado por Feijóo "pentapartito" pasa do 48,52% ao 47,75%, apenas 0,77 décimas menos, e sacándolle ao PP 8,09% de porcentaxe de voto na Coruña. E agora volvan ler a ligazón anterior, e comproben como se fabrica unha deformación xornalística. E todo así, máis ou menos.

O PP perdeu no mundo urbano fronte ao tripartito in pectore  e gañou en moitos municipios do rural, o que lle deu os votos necesarios para a actual maioría renovada. E esa, e non outra, é a situación máis significativa, porque a democracia é un réxime de maiorías, non de minorías máis votadas, salvo raras excepcións que son, en realidade, concesións especiais nalgúns lugares especiais (ocorre en Escocia, por exemplo, onde o partido laborista e o conservador ceden o goberno ao SNP: tomen nota).

25 de out. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión