Galicia Importa para novembro


Redacción.-

O ciclo Galicia Importa, patrocinado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, retoma a súa programación este outono con Mavis Staples, quen actuará na Sala Capitol de Santiago o 6 de novembro, e de Therapy? e Saint Etienne, que tocarán na Mondo de Vigo o 15 e o 16 de novembro, respectivamente.

Con eles o repertorio estilístico desta quinta edición, que deu comezo o pasado mes de marzo cos concertos de The Jon Spencer Blues Explosion e de Thurston Moore. O soul de Mavis Staples, recoñecida como unha das lendas vivas da música negra estadounidense, o hard rock dos norteirlandeses Therapy? e o pop electrónico do trío londiniense Saint Etienne súmanse á variada programación do ciclo, que desde 2008 sitúa Galicia no mapa da distribución europea de figuras de referencia internacional en moi diferentes estilos.

Patrocinado por Cultura e Educación a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Galicia Importa é unha iniciativa da produtora viguesa Sweet Nocturna a través da que se concreta unha carteleira xeográfica e temporalmente descentralizada, en salas de aforo reducido e protagonizada por artistas de primeiro nivel. As entradas para estes tres novos concertos poderán adquirirse a partir do 1 de agosto a través das canles habituais do ciclo: a web www.servinova.com, o teléfono 902 504 500 e a rede Ticketmaster.

Primeira visita a Galicia

Cunha traxectoria que ben pode servir de resumo dos últimos cincuenta anos de historia da música norteamericana e na que conviven soul, gospel, rock e blues, Mavis Staples (Chicago, 1940) ofrecerá en Santiago o seu primeiro concerto nun escenario galego. Unha banda de reputados músicos de Nova Orleáns acompañarana nesta actuación, a través da que o público de Galicia poderá comprobar o porqué dos eloxios que recibe a vocalista, cunha gorxa prodixiosa que lle permite pasar de graves a agudos con incrible facilidade.

Tras máis de 60 anos no mundo da música, no que entrou a través do gospel e da man da súa familia como parte de The Staples Singers, a vocalista de Chicago atópase agora nun dos seus mellores momentos artísticos. En 2009 Jeff Tweedy, líder da banda Wilco, proponlle producir o seu último disco, que é recibido con entusiasmo pola crítica como unha das mellores obras da súa extensa carreira. You Are Not Alone, polo que recibe o prestixioso premio Grammy 2011 ao mellor disco de rock americano, ofrece soul de gran calidade, con pinceladas de gospel e blues, e contén varias composicións do propio Tweedy.

Ademais destes temas, no seu repertorio adoita incluír xoias doutros célebres grupos e artistas cos que ten colaborado, como Buffalo Springfield, The Band, Prince, Ry Cooder, Johnny Cash ou Bob Dylan. Taples traballou así mesmo con Curtis Mayfield, unha das grandes iconas do soul, co que tamén compartiu escenario.

Xira española despois de 14 anos

O concerto que o trío de rock Therapy? ofrecerá na Mondo de Vigo o 15 de novembro é a segunda das novas confirmacións desta quinta edición do Galicia Importa. Tralo seu paso por Logroño a primeiros deste ano como cabeza de cartel do festival Actual, os seu seguidores agardan con expectación as próximas actuacións da que será a súa primeira xira española en 14 anos.

20 de out. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión