II Foro Internacional Espazos para a Cultura


Redacción.-

Expertos da TATE, do British Museum, do Thyssen ou do MACBA analizarán do 7 ao 9 de novembro no Gaiás a relación entre centros culturais e novas tecnoloxías no II Foro Internacional de Espazos para a Cultura

A relación entre os museos e as novas tecnoloxías será abordado do 7 ao 9 de novembro na Cidade da Cultura de Galicia no marco do II Foro Internacional de Espazos para a Cultura (FIEC) no que se darán cita destacados profesionais independentes e de centros internacionais e nacionais como a Tate Modern, The British Museum, o Museo Thyssen-Bornemisza ou o MACBA-Museu D'Art Contemporani de Barcelona. Baixo o título A Araña na rede, este II FIEC busca analizar as estratexias postas en marcha por diferentes institucións para achegar a oferta artística a un maior número de xente, convertendo aos museos en verdadeiros motores dunha oferta cultural que mesmo sirva para reactivar o sector turístico.

O FIEC volve ao Gaiás tras o éxito da súa primeira edición na que representantes das principais institucións culturais no mundo como o MoMA de Nova York, o IRCAM-Pompidou de París, o Barbican Centre de Londres ou a Biblioteca de Alexandría, entre outros, analizaron durante tres xornadas o papel das infraestruturas culturais como factores de desenvolvemento económico, como polos para atraer proxectos empresariais ou como plataformas para a proxección da imaxe dunha comunidade no exterior.

Prestixiosos centros internacionais e nacionais

Nesta segunda edición, o Foro Internacional de Espazos para a Cultura. A Araña na rede analizará a necesaria relación entre as novas tecnoloxías e as institucións encargadas da custodia e divulgación do patrimonio cultural. A edición deste 2012 contará coa presenza de representantes de destacadas institucións culturais que, ademais do seu patrimonio cultural, destacan pola optimización das novas tecnoloxías no seu día a día. Museos e Novas Tecnoloxías será a conferencia inaugural deste II FIEC, que estará a cargo de Jasper Visser, fundador de The Museum of the Future, profesional de primeiro nivel que leva anos prestando asesoramento ou desenvolvendo estratexias dixitais para importantes institucións culturais como Museum of National History en Holanda, o Qatar Museum Authority de Doha ou o Duthc Centre for International Cultural Activities de Amsterdam.

Xunto a eles estarán representantes de destacadas entidades internacionais como Marc Sands, director de Novos Medios e Formación de Públicos da Tate Modern de Londres; Shelley Mannion, responsable do programa de Educación Dixital de The British Museum; Susan Hazan, Conservadora de Novas Tecnoloxías e Responsable de Internet no Israel Museum de Jerusalem; Samuel Bausson, webmaster do Muséum de Tolouse; ou Merete Sanderhoff, Investigadora e Directora de proxectos da SMK-National Gallery of Denmark. Da mesma maneira, o FIEC contará con expertos de centros nacionais como Rufino Ferreras Marcos, responsable de Desenvolvemento Educativo do Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid e director do portal educativo www.educathyssen.org; ou Anna Ramos, responsable de Ràdio Web MACBA-Muse d'Art Contemporani de Barcelona.

Inscricións

O II Foro Internacional de Espazos para a Cultura dispón de 155 prazas destinadas a profesionais do ámbito da cultura e estudantes, que poden inscribirse até o mércores 31 de outubro. Para os cen primeiras prazas, o custo será de 30 euros para estudantes e 50 para profesionais. Os interesados atoparán en www.fiec-cidadedacultura.org o boletín de inscrición e toda a información necesaria para participar.

19 de out. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión