Homenaxe a Uxío García Amor
Redacción.-
Esta mañá tivo lugar en Vilalba o nomeamento como Chairego de Honra de Uxío García Amor, organizado pola Asociación Xermolos e a Irmandade Manuel María da Terra Cha.
No acto participaron o xornalista Xulio Xiz, Afonso Baamonde, Xaquín Campo Freire, Samuel López González e Félix Villares Mouteira, quenes louvaron a figura e a traxectoria do homenaxeado, así como diversas persoas presentes que se sumaron espontaneamente á laudatio, como o crego chairego Xosé Manuel Carballo.
A homenaxe contou coa participación musical do gaiteiro Raúl Galego, así como da coral Polifónica Vilalbesa, que pechou o acto, dirixida polo propio García Amor.
Uxío García Amor (Trabada, 7/11/1928) é crego na diocese de Modoñedo-Ferrol, ordenado o 19 de marzo de 1953. Estudou humanidades no Seminario de Mondoñedo e é licenciado en Filosofía e Teoloxía pola Universidade Gregoriana de Roma, e en Ciencias Bíblicas polo Instituto Bíblico de Roma.
Desempeñou, entre outros cargos, o de superior e profesor no Seminario de Mondoñedo (1956-66); mestre de capela na catedral de Mondoñedo (1956-71); secretario xeral do bispado (1966-80); delegado diocesán de Cáritas (1964-70); administrador diocesán do bispado, sede vacante (1985-87); vicario xeral do bispado (1987-93); párroco de As Pontes (1993- ); director do Orfeón de Mondoñedo (1968-82).
É profesor na Escola Diocesá de Teoloxía e no Instituto Universitario de Ciencias Relixiosas. Traballou na acción pastoral como encargado de diversas parroquias rurais, e actualmente coordina o equipo pastoral de Vilalba, ademais de dirixir a Coral Polifónica Vilalbesa.
Ten publicados diversos artigos sobre temas bíblicos, estudios biográficos, e algúns poemas. En 2011 foi nomeado polo Papa Prelado de Honra.
Fotografías: P.N. / AVV
0 comentários :
Danos a túa opinión