A opción Ceferino


Fermín Bouza.-

O de Ceferino Díaz, falecido estes días, foi un intento relativamente frustrado de levar ao PSdG polo camiño do galeguismo e a defensa do que nos define aos galegos como pobo. Sempre estivo en minoría e nunca executou algún proxecto desa orde.

En xeral, o PSdG foise afastando das súas fontes tras a transición, e aqueles socialistas-galeguistas de preguerra non son algo que constitúa hoxe un culto vivo nun partido do que procede o mesmo Paco Vázquez, cuxas continuas declaracións van sempre en sentido contrario.

No pecado leva a penitencia o socialismo galego, que podendo ser unha forza renovada e potente vólvese a anquilosar nas súas rutinas e a ceder terreo, non sei se irreversible.

Galicia, máis que conservadora, é lenta ("gallegos de lluvia y calma" dicía Miguel Hernández; ou "un paso adiante e outro atrás, Galicia" dicía Díaz Castro nun dos sonetos máis fermosos da literatura universal).

Ceferino Díaz foi unha opción nunca usada no PSdG, que aí volveu perder unha grande oportunidade. Non haberá moitas máis: o mundo está a cambiar e un novo tempo pide paso.

27 de dec. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión