A farsa do Big Momentum

Fermín Bouza.-

Toda a dereita mediática acordou que Rajoy estivo moi ben e di (de si mesma) con moita graza obxectiva que "todos os medios cren que Rajoy estivo moi ben". Os medios son eles mesmos. Tratan, sen sabelo, de reproducir o acto buscado de comunicación polítca coñecido como Momentum ou Big Momentum, esa forza de arrastre que teñen os candidatos nas campañas electorais. Pero é difícil reproducir ben estas cousas: teñen as súas condicións e o seu contexto. A prepotencia de Rajoy, que podía ser unha boa arma para unhas eleccións agora é extemporánea. Dese erro de saír tan seguro de si mesmo virá o desencanto posterior dun probale efecto de adhesión ao perdedor do debate, no caso de que isto sexa así como nos conta a dereita. Eu creo que non gañou nada: perdeu a oportunidade de contestar ao que o pobo lle pregunta.

A dereita non cambiou

Tremendo Rajoy: agresivo e dono dos seus graves erros, non coñece fronteiras á hora de repartir culpas ao seu redor e de encher de malos presaxios o hemiciclo. Todo menos varrer a súa casa e presentar un proxecto crible para ir saíndo do horror vixente. Ningún académico ben formado da área económica asinaría unha estratexia así, que non só é brutal coas clases medias e populares senón ineficiente e máis vella que o TBO. Pobre e decepcionante. Gustou moito aos sectores máis hooligans dos seus, con iso está dito todo. Bárcenas segue agardando. A nosa dereita non cambiou.

Do salón no ángulo escuro

Debo elixir que é o que máis me preocupa, se a corrupción ou a situación económica. Descarto a cuestión catalá, que me importa, sobre todo, como recipiente político doutra cuestión de gran relevancia para min: o idioma catalán (ou o galego ou o euskara, en grave risco pola acción dos de sempre). Polo demais, serán os cataláns e a súa acción política os que poñan o tema para a sorte suprema. Eu pinto pouco nesas decisións e nesas sortes, pero non podo substraerme á corrupción xa xeneralizada e xeneralizable (hai que ir aceptando ese salto cualitativo nos cualificativos) e á horrenda situación económica. Do segundo debe haber un responsable principal que levou ao reino, da man da señora Merkel, ao abismo da austeridade e o paro.

Hai malas saídas a día de hoxe e a curto prazo. Do primeiro todos somos culpables: a corrupción non sobrevive nun contexto de intolerancia cara a ela, e o contexto somos, sobre todo, nós. Esta vez agardo que ninguén se vaia sen pagar. Ninguén. E todo iso a pesar dos xigantescos esforzos que se fan por deixar as cousas como están, no seu recuncho escuro, como a harpa de Bécquer, pero isto non é unha harpa, claro: é a antiharpa, un son feo e pesado que vén do fondo do inferno.

24 de feb. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión