NEF e o señor Barreiro


Vicente Piñeiro.-

Durante o almorzo informativo organizado en Madrid por Nova Economía Fórum, o portavoz do senado, señor Barreiro, que foi presentado polo Presidente da Xunta de Galicia e arroupado polo ministro Gallardón e Ana Pastor, dixo cousas como que o Presidente goberna desde o Palacio da Moncloa. Sería bastante estraño que gobernase desde o palacio do Elíseo e non tanto se o fixese desde o Palacio Real do Pardo, coñecido por ser a residencia do ditador Francisco Franco desde 1939 até 1975 onde foron tomadas a maior parte das decisións que determinaron o rumbo de España durante varias décadas. Tamén dixo que habería que ser un inxenuo para non saber que hai moito votante e militante do PP que está encabuxado polo que está pasando, e di que teñen razón e que hai que explicarlles que este sacrificio non é en balde e por fin aclara que é un momento de dificultades económicas que implican axustes. Señor Barreiro, axustouse vostede un céntimo dos oito mil e pico de euros que din que cobra mensualmente en favor de solucionar a crise? A vostede a vista das ruínas inspíralle grandes pensamentos e me pregunto si por dar esa conferencia os do Fórum lle pagaron outros oito mil. Se soubese ben o malestar profundo que causa pronunciando palabras sen contido que como lles sucede aos cans cando oen os refulxentes foguetes duns fogos artificiais retorcémonos de sufrimento ante o son da súa voz. Subido á tribuna do Fórum vostede parecía unha urraca de canto estridente que se oculta no fondo do bosque para ser oída por ela mesma. Na súa charla tamén recoñece que o PP incumpriu o programa electoral xustificando que se non se puido facer o prometido é porque atoparon un buraco negro polo que se coaron 90.000 millóns de euros. Cando vostede emprega expresións astronómicas para falar de desbaldir, parece que non coñece o caso Bárcenas, Gürtel, os ERE, Nóos, e os moitos buracos negros que existen na galaxia do Partido Popular e da Monarquía. Tamén dixo que ninguén pode poñer en cuestión que o Goberno acertou no diagnóstico da situación, e que non é cuestionábel que esas medidas estean dando os resultados que o país necesita, por exemplo: seis millóns de parados, retirar as coberturas sociais aos máis necesitados; non dar o xantar aos nenos e ás nenas nos colexios; que os profesionais e científicos deste país emigren; pagar a maior parte das medicinas; que os enfermos de cancro se morran porque é moi cara a quimioterapia; non ás pagas extraordinarias; que os coches da policía leven as emisoras pegadas con esparadrapo; que a xente se suicide polos desafiuzamentos; que centos de miles de nenos e de nenas estean pasando fame no noso país ou que vaian comer, para estragarlles as súas mentes infantís, aos lugares de beneficencia, etc. Tamén di que os partidos da oposición intentan sacar rédito da conxuntura e que as mobilizacións cidadás, escraches, etc, contribúen ao descrédito do sistema. Que cara ten vostede Señor Barreiro, hai que ver. Para empezar, ao descrédito do sistema contribúen os membros supostamente corruptos da Casa Real e do Goberno; ao descrédito contribúen as palabras do Portavoz do Senado que aburren; ao descrédito do sistema contribúen estes foros precisamente porque está vostede aí; ao descrédito contribúen os rexedores que expulsan do país aos grandes homes e apláudenlles aos imbéciles, que sacrifican aos mártires en favor dos verdugos. E vostede aparece arroupado por un señor que aparece nas fotos cun narcotraficante, un ministro antiabortista e unha ministra que para que, e todo o que vostede di, faio cun estilo hipócrita e esaxerado facendo apoloxía da chocalleirada humana en todas as súas facetas. Lémbrolle que algúns membros do seu partido compararon estes días algo tan tráxico como a Noite dos Coitelos Longos, con algo de pura simpleza como o dos escraches poñendo en escena a comedia da casta de descerebrados, bufóns, indignos, mesquiños e covardes dunha gran parte dos políticos españois actuais para os que vale a mesma crítica que tanto Valle-Inclán, como os seus compañeiros de xeración lles aplicaron aos políticos españois da Restauración e a Rexencia. Vostede, señor Barreiro tamén representa a estes seres egoístas, curtos de espírito que confunden o horror cunha merenda, a vida coa morte?

Afirmaba Fourier que os grandes homes chegarán co tempo a ser inútiles e con esa finalidade, señor Barreiro, está feito vostede, o seu goberno e todos os que lle aplauden.

26 de abr. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión