Xulio Xiz.-
Hai uns días presentouse en Lugo o libro Los curas contra Franco, e eu
empecei a presentación falando de Vilalba, porque moitos dos que nel
aparecen son vilalbeses.
Empezando por don Gabriel Pita da Veiga, párroco en Vilalba a final dos
corenta, que me bautizou no 47. Don Gabriel veu de Ferrol e volveu para
Ferrol. Era membro dunha histórica familia de mariños. Por eso me
sorprendeu ver que un queridísimo crego (os vilalbeses adorábano) que se
supoñía tradicional apoiaba, ou deixaba facer, aos cregos que en Vilalba
moitos anos despois coidabamos “revolucionarios”.
De Ferrol veunos logo don Adolfo Pato Bernárdez, crego firme con mando en
praza, que gobernou Vilalba con man dura, e creou a lenda urbana de que non
lle duraban nada os coadxutores porque non andaban polo seu rego.
Foi daquela –xa anos sesenta- cando de Vilalba mandábamos obreiros ás
Pontes e a Ferrol, que formaban unha importante masa laboral que se ía
axitando conforme as condicións do traballo non melloraban na medida que se
necesitaba e se pedía. E de Vilalba tamén fomos mandando cregos para Ferrol
que revolucionaron o mundo laboral e social.
A Ferrol foi Xosé Chao Rego, o do Hotel Chao, que ía para bispo, e seu
pai tiña unha excelente colleita de viño gardada para cando recibira o
capelo episcopal, pero Chao decidiu tirar recto en lugar de dar curvas, e
púxose de parte dos humildes, das prostitutas, dos obreiros, e acoller na
súa igrexa a todos os desvalidos e, xa que logo, aos perseguidos pola
dictadura.
E a Ferrol foi Bernardo García Cendán, o Bernardo do Severino, que
frecuentaba as mesmas compañías, que andaba polos mesmos camiños, e recibía
a mesma veneración popular e desconfianza do réxime.
E de Vilalba foi – e non falo do resto, que hai uns cantos que non eran
vilalbeses- Anxo Currás, Anxo Fereiro Currás, de Boizán. Como tamén estivo
Xaquín Campo, Xaquín de Roca, que non é de Vilalba senón de Roca-Guitiriz
que nos queda ben á beira.
En fin, que na historia figuran un grupo de cregos que souberon atender
ao humano á par que ó divino; que entenderon que era o mesmo traballar
polos homes e amar a Deus, e pagaron por eso dun xeito ou doutro.
Escribe o libro Rosa Cal, doutora en ciencias da Información, profesora
en Madrid, mestra ferrolana primeiro, que coñece ben o tema por telo
investigado pero tamén por estar casada con Anxo Currás, crego
secularizado, veciño noso. Agora que todos somos demócratas, e que nos
parece que esta España e esta Galicia moderna é obra nosa, é de xustiza
coñecer algúns dos cregos vilalbeses que escribiron e fixeron a nosa
historia recente.
0 comentários :
Danos a túa opinión