Redacción.-
O Instituto de Estudos Chairegos, culmina as actividades programadas co gallo das Letras Galegas, coa organización dunha representación teatral este venres 7 de xuño ás 19:30, especialmente dirixida ao público infantil, que leva por título A historia de Brancaflor.
Protagonizado por Fran Rei, A Historia de Brancaflor é o primeiro espectáculo unipersonal de Os Sete Magníficos máis Un. Ademais, trátase da primeira incursión da compañía -con máis de dez de traxectoria profesional- na arte dos contacontos. Baixo a dirección de Avelino González, nesta montaxe achegámonos á lenda popular de Brancaflor -filla do Demo- a partir da versión que Xosé Ramón Mariño Ferro recolleu na súa escolma 'Contos Marabillosos'. Unha trama chea de probas máxicas, encantamentos, romances e maleficios. Unha fermosa historia de amor entre Brancaflor e Xan á que se opón con decidida firmeza o malvado pai da rapaza. Como non podía ser doutro xeito, a narración vén ilustrada con diversos xogos de maxia, que reforzan a comprensión do conto e, sobre todo, fan máis atractivo o espectáculo.
Dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos, o público é parte activa desta montaxe e a súa colaboración na mesma é imprescindíbel para que o amor entre os dous rapaces protagonistas triunfe sobre as continuas dificultades que se lles presentan.A forza da palabra e a ilusión da maxia mestúranse para compoñer un espectáculo para público infantil que pode ter cabida en programacións xerais, programas de animación á lectura, colexios, bibliotecas, ...
A Historia de Brancaflor, un conto máxico sobre a forza do amor.
0 comentários :
Danos a túa opinión