O problema non é o número de escanos


Xabier P. Igrexas.-

É precisa unha reforma electoral en Galiza. A crecente e palpábel demanda social dunha democracia máis participativa e -como mínimo- máis representativa así o exixe. O descrédito institucional dos parlamentos, tamén o galego, ten a súa raiceira na desafección entre as cámaras e o pobo que nel debera estar representado, mais que de feito non está. O monolítico bipartidismo, entre as forzas maioritarias a nivel estatal, e a súa conseguinte falta de pluralidade nas bancadas, acartonan inda máis as sedes lexislativas. Certamente a composición do Parlamento de Galiza non reflicte axeitadamente a diversidade de opinións e pareceres que existe a nivel social, e a distribución de escanos non responde tampouco ao peso real que na sociedade (e nos votos) ten cada opción.

É precisa, pois, unha reforma electoral no noso país. Mais non a que promove o Partido Popular, quen baixo a coartada demagóxica e falaz do aforro e a austeridade (máis unha vez o palabro-mantra que serve para lexitimar todos os recortes, tamén os democráticos) pretende atomizar aínda máis o Parlamentiño até o facer microParlamento. O pretenso de reducir de 75 a 61 o número de escanos do Pazo do Hórreo, apenas responde a unha intención fondamente antidemocrática: reducir ao mínimo ás posibilidades de obteren representación a opcións diferentes ao bipartidismo maioritario PP-PSOE.

A mudanza debe pasar por unhas coordenadas ben distintas, antitéticas. Baixo ese prisma enmárcase a proposición de lei para a reforma da Lei de Eleccións ao Parlamento de Galiza que hai poucos días rexistraba o BNG, para o seu debate e toma en consideración. Nela suprímese a barreira do 5% dos votos que excluía do reparto de escanos a calquera forza que non obtivese esa porcentaxe mínima sobre o total dos sufraxios de cadansúa circunscrición electoral. Coa actual lei se houbese, poñamos por caso, 5 candidaturas que só obtiveran un 4% dos votos, todas elas ficarían sen escano ningún, deixando sen representación ao 20% do electorado. En troques, retirando esa barreira agrandada por Fraga (e un 2% máis alta que noutros Parlamentos) permitirase a entrada dun maior número de forzas dando mellor acomodo á pluralidade política.

Outro dos cambios propostos polo Bloque ten a ver co mecanismo matemático polo que se distribúen os escanos. Arestora emprégase o denominado sistema d’Hont, que vén sendo unha fórmula que axuda obxectivamente ás maiorías inda que dunha maneira máis matizada que outros sistemas. Porén, o lóxico sería que se aplicase unha distribución que respondese de maneira fiel á máxima de “a cada quen segundo os seus votos”, cun reparto con base no sistema proporcional directo, que aseguraría unha representatividade moito máis real das maiorías e (sobre todo) das minorías , tal e como propón a iniciativa nacionalista.

Mais non só é necesario regular aqueles aspectos ligados á mellor representación dos resultados da vontade popular expresada nas urnas. Tamén é necesario corrixir algunhas cuestións relativas ao necesario acceso informativo ás diferentes propostas e candidaturas, nomeadamente no referido á cobertura electoral dos medios públicos. De aí o oportuno de propoñer que se fixe por lei a realización de como mínimo un debate electoral, con representantes de todas as candidaturas sen exclusión, en horario de máxima audiencia nos medios de comunicación públicos. Ou que se obrigue á difusión de entrevistas a todas e todos os candidatos. Na medida en que a nosa toma de decisións perante un proceso electoral, ten base no nivel de información e coñecemento que temos arredor das diversas propostas, estas modificacións incluídas na proposición de lei formulada polo BNG permitirán que se garantan unhas mínimas condicións de igualdade na concorrencia e mellorarán o coñecemento xeral do electorado sobre as opcións entre as que poderán escoller.

O que se propón se cadra non abonda para avanzarmos decididamente cara a unha democracia real, merecente de tal nome. Non será suficiente para superar esta simulación, para derrubar a farsa electoral tras a que se agocha quen detén o poder real (a clase dominante). Mais sería un importante paso adiante nesa dirección.

4 de xuño de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión