Redacción.- O vindeiro 31 de agosto terá lugar en Vilalba un cine-coloquio coa
proxección de A Vía Láctea, película
realizada por Luis Buñuel en 1969. Moderado por Ramón Chao e Moncho Paz,
celebrarase ás 18:30 horas no Auditorio Municipal. O acto está organizado polo
Instituto de Estudos Chairegos, o xornal A Voz de Vilalba e a plataforma cívica
"Amigos de Prisciliano".
Como outras películas do universo Buñuel, A Vía Láctea trata de temas como o catolicismo, o comunismo e o surrealismo. O guión é do propio Buñuel e do francés Jean-Claude Carrière,
que na cinta interpreta o papel de Prisciliano e que na actualidade é o presidente
de honra da plataforma cívica “Amigos de Prisciliano”, fundada por Ramón Chao e
Ignacio Ramonet.
A Vía Láctea é unha obra única na
filmografía de Buñuel, e recolle todas as obsesións do autor. Dous peregrinos contemporáneos
parten, como o fixeron desde a Idade Media, da Rue Saint-Jacques en París cara
a Santiago de Compostela. O formato é o da tradicional narración picaresca na
que unha parella de desposeídos sobreviven ao longo do trazado xacobeo. Asemade,
é a narrativa aínda máis tradicional do cabaleiro andante e o seu escudeiro na
procura busca da fe e da honra.
Como colofón deste acto, Ramón Chao interpretará ao piano "O lago de Como", que deu o título á súa primeira novela, publicada en 1983, e que foi finalista no Premio Nacional de Narrativa.
0 comentários :
Danos a túa opinión