Redacción.- O alcalde de Burela, Xosé María González
Barcia, recibiu onte no Concello ao antropólogo Tadashi Yamamoto, profesor da
Universidade de Tenri, en Mara (Xapón). O acto tivo lugar ás 13 horas nas
dependencias municipais. O profesor nipón estivo acompañado pola súa dona,
Kazumi. Os convidados
tiveron ocasión de coñecer a fondo a tradición pesqueira da vila, con visita á
lonxa e tamén ao barco-museo boniteiro “Reina del Carmen”, construido en 1967 e
que exerceu a súa actividade no mar ao longo de trinta anos.
Tadashi
Yamamoto é un namorado da cultura galega, dende que hai cáseque dez anos fixo a
súa primeira viaxe a Galicia e tivo a oportunidade de coñecer as nosas
manifestacións culturais, amosando un especial interese pola música tradicional
e pola lingua. De feito, dende que cursou o programa de galego para
estranxeiros impartido polo Instituto da Lingua Galega (ILG), dependente da
Universidade de Santiago de Compostela (USC), fala fluidamente o noso idioma.
Como parte da súa actividade docente en Xapón, organiza -en colaboración cos
USC- estadías culturais en Galicia para os seus alumnos. Na actualidade, está a
traducir ao xaponés as “Memorias dun neno labrego”, de Xosé Neira Vilas.
0 comentários :
Danos a túa opinión