NOWHERE - propostas fóra de lugar

Redacción.-

Hoxe venres día 9 ás 19.30h inaugúrase NOWHERE - propostas fóra de lugarcun concerto de Fluzo, unha mostra organizada polo Concello de Vigo. NOWHERE - propostas fóra de lugar é unha exposición que xira en torno á vida contemporánea. O título da mostra e o uso da "w" sitúanos nunha situación ambigua. Poderiamos entendelo como negación -Aquí non (Non Here)-, tamén como afirmación -Agora aquí (Now Here)-, aínda que en realidade nos sitúa nun terreo de ninguén, nun non lugar (Nowhere). Os seus protagonistas son creadores que procuraron o seu propio lugar, algúns deles permanecendo alleos ao ámbito institucional e outros introducíndose nel para cuestionalo, para abrilo á rúa.

Jesús Madriñán, Fluzo, Suso Fandiño, Pelucas, Beatriz Lobo, Armando G. e Nacho Alonso son creadores que reúnen información para destilala e transformala, transgredíndoa e devolvéndoa cargadas de novos significados, pero sobre todo capaces de cuestionar o ritmo institucional para calibrar o pulso da vida. As súas obras, lugares híbridos, puntos de encontro entre distintas xeografías, entre diferentes marxes.

19.30h. Concerto gratuíto de Fluzo.

Relacionados co hip hop e o rap nacional, a súa música nace para deixarse levar polo instinto sen recorrer a tópicos, con letras que parecen confesar un monólogo interior disparatado e paradoxal onde o amor e o sexo, a soidade e a morriña, teñen cabida dentro dun léxico retranqueiro que nega a censura e reproba o cinismo.

*O día da inauguración, tras o concerto de Fluzo, a sala permanecerá aberta ata as 02.00h da noite, finalizando cunha sesión Dj -entre as 12.00h e as 02.00h- por Dj da morte.

9 de ago. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión