Agardando a Madina

Moncho Paz.- A estrepitosa caída nas enquisas dos dous grandes partidos en España pasa por unha substitución urxente de liderado en ambas forzas políticas. No caso do Partido Popular, ao lóxico desgaste do exercicio do Goberno hai que engadir o deterioro progresivo da figura do seu líder, Mariano Rajoy, tremendamente erosionada como consecuencia do caso Bárcenas, denominado xa por moitos analistas como o caso PP.

Mentres tanto, o PSOE, principal partido da oposición, tampouco vive o seu mellor momento. Cando se supón que debería estar gañando enteiros polas medidas de recorte gobernamental e a particular travesía do deserto que sofren os populares, o certo é que o perfil de Pérez Rubalcaba non despunta.

Os principais analistas políticos deste país xa falan do fracaso do bipartidismo, tendo en conta o ascenso de dúas forzas emerxentes: IU de Cayo Lara e UPyD de Rosa Díez, que contra todo pronóstico aparece nas últimas sondaxes como a política española máis valorada; pero este dato non é máis que un reflexo do actual desencanto do electorado en España.

Tradicionalmente a ilusión e a esperanza, cuxo cumprimento parece especialmente atractivo, foron palabras-fetiche da esquerda. De feito, un breve percorrido polos distintos procesos electorais celebrados ata agora, reflicte que son valores imprescindibles na actitude pro-activa do votante comprometido. No polo oposto, o desencanto, que históricamente causou verdadeiros estropicios: cando o elector perde o seu plus de confianza prodúcese a debacle da esquerda, ao contrario do que acontece coa dereita política, aglutinadora dun voto fiel.

Chegados a este punto, e coñecedores de que o factor ilusión é absolutamente imprescindible, nos últimos tempos algunhas voces corearon o nome de Eduardo Madina, secretario do Grupo Parlamentario do PSOE, como o líder necesario para afrontar a crise política e ideolóxica que atravesa o partido fundado por Pablo Iglesias. Madina, pola súa banda, nin sabe nin contesta, pero déixase querer polos cantos de sirena. Un gran número de militantes e simpatizantes socialistas afirman con claridade que se atopan “Agardando a Madina”, parafraseando a Beckett.

Haberá que esperar, pois, á apertura do curso político en setembro. Polo de súpeto, cada vez máis persoas pensan que a recuperación da ilusión ten o seu xerme en Galicia, coa vindeira chegada de Gómez Besteiro, do mesmo xeito que sucedeu no seu día no caso do Partido Popular, coa chegada de Feijoo9. Veremos que pasa.

9 de ago. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión