Palabras de agradecemento
Helena Villar Janeiro.-
Se a palabras «gracias» (grazas non me gusta, aínda que a acate normalmente) non estivese desgastada polo uso e o abuso, case abondaría con pronunciala para cumprir coa agradable obriga que vos debo. Dado que está moi baleirada de contido e que non explicaría circunstancias especiais deste recoñecemento, vou tratar de transmitirvos o que merecedes escoitar e eu vos desexo dicir.
Eu son chairega adoptada, polo que esta consideración que recibo ten máis mérito que se ma concedesen na terra nativa. Teño a meu favor estar moi próxima á Terra Chá en diferentes etapas da vida a través do cariño de moita xente. Entre as miñas amizades de Maxisterio –a primeira saída dos Ancares-, as vilalbesas foron as máis frecuentadas. Tita, Mari Carmen e Blanca, entre elas; Paredes e Braña, entre eles. A Vila Branca foi a segunda cabeza de partido xudicial que coñecín e deixoume pegada para sempre.
Pasada unha década, os amigos da COPE de Lugo, a emisora máis progresista da época onde naceu a fonda amizade que comparto con Xulio Xiz e na que foi unha honra traballar, póñenme en contacto outravolta coa Chaira. O novo lazo chámase Xosé Luís García Mato. Enviárame o libro Charetas de Antonio García Hermida, seu pai, recén publicado, polo corresponsal que cubría as novas da comarca. Daquela escueta carta de agradecemento saíu unha fluída correspondencia de escola a escola, desde Gaibor a Armesto. Foi o primeiro amigo literario, o primeiro lector da miña poesía, o que me animou a seguir escribindo e mesmo promoveu a creación do premio Xosé María Chao Ledo coa esperanza de que eu o levase un día. Por medio del, coñecín nun xantar a Manuel María, que era testemuña daquela amizade, e ao que se converteu ao pouco tempo nese nó definitivo que me ata a Terra Chá, o Suso Rábade Paredes, co que levo felizmente compartidos 38 anos, unha filla e un fillo que non nos deron máis que satisfaccións e alegrías, varias obras escritas en común e moitos soños e arelas ás que Galicia nunca foi allea. Del recibín o apoio que precisaba unha muller da miña xeración para dedicarse con normalidade ao traballo intelectual. Disto é boa testemuña o benquerido compañeiro cravofondista e membro da mesa, Xulio López Valcárcel, que é quen mellor conta a historia da formación daquel colectivo.
Quero compartir, non só co meu home senón convosco, esta xenerosa distinción do hectómetro oito –o meu número favorito despois do catro-. E darvos, agora si, as gracias ás dúas institucións outorgantes, Xermolos e Irmandade Manuel María, aos membros da mesa que intentaron coas súas intervencións convencervos de que os nosos nomes son merecedores de quedar escritos para moitos anos na singular obra de Valdi e a familiares e xente amiga que nos acompañades nun día cheo de significado para nós.
Imaxes: Helena Villar Janeiro
0 comentários :
Danos a túa opinión