Nenos nas escolas
Eu fun a escola de pago en Vilalba, que daquela a oficial, gratuita, non estaba moi valorada, e miña nai quixo que desde o primeiro momento gozase dunha formación axeitada.
E desde os tres anos, idade na que aprendín a ler, fun á escola de dona Amelia Mato, na parte superior da praza de Santa María, onde por veces viña doña Felicia, que era mestra oficial, Dona Carmen ensinaba aos pequenos e dona Amelia aos maiores. Alí estiven ata que pasei á Academia.
A saber cantos nenos había en cada aula. Daquela non importaba o número, e doña Amelia –filla do gran Mato Vizoso- tiña sona de ser unha magnífica mestra no ensino dos nenos. Como dona Sagrario o facía na carretera, pero para a miña casa quedaba bastante máis lonxe.
Un ano que rematei o curso cedo e fun para a aldea dos meus tíos, en Ambosores de Ourol, para non perder o tempo, fun á escola mixta que atendía unha mestra lucense e na que había arredor de sesenta nenos entre os cinco e os quince anos. E non pasaba nada. Nada malo, me refiro.
Os meus fillos, trinta anos despois, foron ás Josefinas de Lugo, finais dos anos setenta e comezo dos oitenta. En cada clase, corenta ou corenta e cinco nenos e nenas... e a formación era xeitosa, proveitosa, e eles a
estas alturas, que son pai e nai de familia, recoñecen o traballo que con eles efectuaron, e os resultados conseguidos.
Na actualidade, parece que só importa o tamaño, a medida, o número. E os nenos non poden pasar de vintecinco na aula, o profesor ten que ser especialista na materia, os nenos non deben aprender a ler ata os seis anos, e todo o mundo anda queixoso pola educación, xa que faltan medios, aulas, profesores... os grupos nas escolas deben ser pequenos e proporcionados. E sen embargo a educación anda cada vez peor, os nenos de agora non saben máis ca os nenos de hai trinta anos, e desde logo non máis ca os que fomos nenos hai sesenta anos e estudiábamos sen libros, sen internet, sen medios, sen mobiliario...
A conclusión debería ser doada para quen tivera interese en saber o que pasa... Nin por menos nenos, nin por máis medios, nin por máis profesores, nin por mellores aulas, nin por sustituir memoria por intuición, se van conseguir mellores resultados. Ao mellor o que pasa é que antes había fame de educación, o réxime de autoridade funcionaba nas casas e nas escolas... e o tamaño importaba moi relativamente. Agora, é o único que importa... que sexan poucos nenos. E así nos vai.
Said
Está claro que o falar non ten cancelas:
"E sen embargo a educación anda cada vez peor, os nenos de agora non saben máis ca os nenos de hai trinta anos, e desde logo non máis ca os que fomos nenos hai sesenta anos e estudiábamos sen libros, sen internet, sen medios, sen mobiliario.."
Si realmente crees que esa afirmación e correcta.
É a mellor demostración de que non o é.