Redacción.- Manuel González González, presidente
da Asociación PuntoGAL, recolleu o pasado venres o galardón especial
concedido polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia
(CPEIG). A Xunta de Goberno do CPEIG decidiu por unanimidade premiar a
aprobación dun dominio para a lingua e cultura galegas por parte da ICANN, o
organismo que goberna as direccións da Internet.
González recolleu o premio durante a
Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, organizada polo CPEIG no Hotel
Monumento San Francisco de Compostela. O presidente da Xunta,
Alberto Nuñez Feijóo, foi quen entregou a figura conmemorativa.
A aprobación do .gal é un fito histórico
conseguido grazas a toda sociedade galega. O presidente de .gal salienta en
particular que o apoio da comunidade da enxeñaría informática, e en xeral de
todo o mundo relacionado coas tecnoloxías da información, foi fundamental para
que a ICANN aprobase o dominio.
Sobre a significación do puntoGAL,
González explicou no seu discurso que "hai quen trata de mirar os demais
sempre desde arriba, desde o alto, desde unha posición de superioridade; hai
outros que se resignan a ver o mundo desde abaixo, de xeonllos, submisamente; a
nós non nos gusta nin unha actitude nin a outra: queremos mirar os demais
fronte por fronte, en pé de igualdade. Dentro duns meses, grazas a este dominio
.gal poderemos empezar a mirar os demais á altura dos ollos".
Unha vez aprobado o dominio en xuño,
puntoGAL xa iniciou os trámites administrativos é técnicos diante da ICANN de
cara a súa posta en funcionamento. A Asociación, de acordo aos prazos
publicados pola propia ICANN, estima que a comezos de 2014 poderanse dar os
primeiros pasos para rexistrar os .gal
O Colexio Profesional de Enxeñaría en
Informática de Galicia (CPEIG) é unha das máis de 120 entidades de todo tipo
que colaboran como membro da Asociación puntoGAL. O .gal conta tamén co
respaldo de case 13.000 particulares. A todos eles puntoGAL quere trasmitir de
novo o seu agradecemento. O dominio é voso.
0 comentários :
Danos a túa opinión