Redacción.- A plataforma cívica “Amigos
de Prisciliano”, presidida polo escritor Ramón Chao, instalou hoxe en
Compostela unha estatua en homenaxe a este bispo hispano que, xunto a outros
compañeiros, foi o primeiro sentenciado a morte acusado de herexía e executado
polo goberno secular, en nome da Igrexa Católica.
Trátase dunha estatua
itinerante, concebida en terracota e obra do escultor mallorquín Eduardo
Servera, que estará exposta ao público na sede de Altaira (Avenida de Lugo
199), academia de arte e ensino dirixida por Xurxo Martiño e Luz
Varela, que cederon amablemente o espazo do seu escaparate para acoller
esta singular iniciativa, coa que se pretende reivindicar a figura e a
influencia de Prisciliano na cultura galega.
Considerado un símbolo da intolerancia
política e relixiosa, Prisciliano fundou unha escola ascética, rigorista, de
talante libertario, precursora do movemento monacal e oposta á crecente
opulencia da xerarquía eclesiástica imperante no século IV. Os aspectos máis
polémicos, en cuestións formais, eran o nomeamento de «mestres» ou «doutores» laicos,
a presenza de mulleres nas reunións de lectura e o seu marcado carácter
ascético.
A plataforma cívica “Amigos
de Prisciliano”, fundada o ano pasado en Ourense, está integrada polo actor e
guionista francés Jean-Claude Carrière (que asume a función de
“presidente herético”), os xornalistas Ignacio Ramonet (vicepresidente)
e Moncho Paz (secretario), Gabriel Núnez Chao (tesoureiro), os
poetas Miguel Barrera e Pilar Maseda (delegados en Madrid e Lugo,
respectivamente), e o escritor Kirmen Uribe (delegado en Euskadi), entre
outros persoeiros. Asemade, conta cun amplo respaldo no eido da cultura e das
letras galegas.
Esta entidade sen ánimo de
lucro conta con financiación propia, a través da venta de camisetas cun
logotipo deseñado polo artista polaco Jacek Wozniak, así como a
participación en iniciativas culturais dentro e fora do territorio español. A
máis recente foi a presenza de Ramón Chao na segunda edición do Marabilli
Sormen Festibala, celebrado en Ondarroa (Bizkaia) o pasado mes de outubro,
onde pronunciou a charla “Vargas Llosa… Leu o Quixote?”. Prisciliano de
Compostela conta con perfil propio no Facebook, onde está a recibir múltiples
adhesións. Na fotografía, Xurxo Martiño e Moncho Paz, no acto celebrado esta mañá na capital de Galicia.
0 comentários :
Danos a túa opinión