Presentación de 'Fotogramas da desfeita'

Redacción.-

O vindeiro venres, 31 de xaneiro de 2014, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, terá lugar o acto de presentación do libro de poemas de Martiño Maseda Lozano “Fotogramas da desfeita”. O libro está editado polo IESCHA e financiado pola Vice- presidencia Primeira-Área de Cultura da Deputación de Lugo, e forma parte da colección Biblioteca Chairega co número 22.
O autor, no exordio do libro, explica: “A dor allea é a que me manca, a que me transmite ese sentimento de culpa que vou arrastrando como unha pesada lousa de cemiterio. E non podo pechar os ollos porque as imaxes desa desfeita que percorre as corredoiras do mundo aparecen no meu pensamento, como fotogramas dunha película visualizada reiteradamente. E quero fuxir, ago- charme delas, mais perséguenme, van dentro de min, como unha doenza inherente á miña condi- ción de home feito lobo.
A dor risca a miña carne, traza estigmas do castigo merecido pola culpa cometida. E, aínda que mate o lobo que hai en min, renacerá das súas
cinzas con máis forza, determinado a converterme no seu escravo, no seu asasino de balde. Estou derrotado, daquela. Mais non morto e farei desta momentánea rendición un exercicio de catarse no que cauterizar as feridas deste oprobio consentido co líquido puro da palabra. Para elo convidareivos a todos a probar desde bebedizo co gallo de procurar a rexeneración última das esencias”.
No acto intervirán, ademais do propio autor, Manuel Castro Santamariña, presidente do IESCHA, e David Otero Fernández, mestre, escritor e animador á lectura.

O AUTOR
Martiño Maseda Lozano. Nacido en Xoibán (Vilalba), pequeno recuncho perdido na inmensidade da Terra Chá, no 1970. Licenciado en Filoloxía Hispánica, entre outras cousas fago de colaborador no suplemento A Chaira do xornal El Progreso ou no portal Galicia Dixital. A miña andaina literaria naceu no berce dos certames literarios aló polo solpor dos anos 90, saboreando premios coma o Certame de Contos para a mocidade en Ourense (1999), o Premio de Poesía Pedro Alonso Morgado en Huelva (2003), o Certame Literario de Vilalba (2005, 2010, 2011) ou Certame de Narrativa Ánxel Fole (2009, 2011). Até o de agora
levo publicados os poemarios Diario dun ser perdido, Nos labirintos da alma e Entre as paredes do silencio. Así coma os relatos Todo por unha teima ou A endeble esencia; xunto a outras publicacións en revistas literarias e obras colectivas.

28 de xan. de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión