II Xornada de Emprendemento e Empresa

Redacción.-

Vilalba acolle por segundo ano consecutivo a Xornada de Emprendemento e Empresa. Esta xornada gratuíta financiada por AGADER (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural) diríxese a mozos e mozas recentemente titulados con inquietudes empresariais, empresarios con liñas de negocio, novos empresarios ou desempregados.

O Centro Cultural e Recreativo de Vilalba acollerá a II Xornada de Emprendemento e Empresa o venres 27 de xuño entre as 09:00h e as 19:00h. Xosé Antonio Touriñán, socio fundador de Airapro Producións, achegará a súa experiencia emprendedora nesta xornada gratuíta na que tamén participará Federico Pérez.

O programa recolle oito conferencias sobre emprendemento e innovación, axudas e financiamento de ideas emprendedoras, asociacionismo e busca de sinerxías, cooperativismo e creación de SATs no entorno rural, experiencias de emprendemento no rural ou o uso das TICs e as redes sociais para emprender e diferenciarse. Os actores Xosé Antonio Touriñán –socio fundador de Airapro Producións- e Federico Pérez tamén achegarán a súa experiencia persoal emprendedora. Así mesmo, nesta segunda edición baixo o título “Onde estabas? Onde estás?” recóllese a evolución de dúas empresas impulsadas por dous dos participantes na I Xornada de Emprendemento e Empresa en Vilalba: Javier Mouriño - Intermax Technology- e Simón Cabarcos -Blindaxe Sports-.

Nesta xornada moderada por recoñecidos xornalistas, tamén participarán mozos e mozas emprendedoras da zona, responsables de empresas baseadas en tecnoloxías innovadoras, ademais de técnicos de entidades de promoción empresarial.

Despois do xantar de confraternidade (incluído na inscrición), a xornada completarase cunha visita guiada a unha empresa que representa o espírito emprendedor que se pretende inculcar na xornada: Queixería Prestes, situada no Polígono Industrial Sete Pontes de Vilalba.

Inscrición
Os interesados en participar poden formalizar a súa inscrición ata o mércores 25 de xuño enviando un correo electrónico ao enderezo emprendevilalba@gmail.com achegando o nome completo, DNI e teléfono de contacto. As prazas limítanse ao aforo de 150 persoas do Centro Cultural e Recreativo de Vilalba.

Toda a información sobre este evento pódese consultar en
www.emprendevilalba.com

20 de xuño de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión