Julião Sarmento. Guest or Host?

Redacción.-

Mañá martes 3 de xuño, ás 20.30 horas, a Fundación Luís Seoane da Coruña inaugura a exposición Julião Sarmento. Guest or Host? Antes, ás 19.45 terá lugar unha conversa co artista

A obra do artista portugués Julião Sarmento (Lisboa, 1948), un dos creadores máis importantes e representativos dentro do contexto da arte contemporáneo internacional, chega a Galicia da man da Fundación Luís Seoane da Coruña a través da mostra Julião Sarmento. Guest or Host?, constituíndo o primeiro de varios proxectos expositivos que serán coproducidos pola institución coruñesa e o Centro Atlántico de Arte Moderna de Las Palmas de Gran Canaria-CAAM, dous centros de arte unidos polo seu emprazamento periférico atlántico e pola decisiva importancia que diferentes movementos migratorios tiveron no desenvolvemento cultural de ambos os territorios.

Julião Sarmento. Guest or Host? comisariada polo crítico de arte e director da Fundación Luís Seoane David Barro, constitúe a primeira gran mostra individual da obra de Sarmento en Galicia, reunindo preto dunha trintena de pezas en diferentes formatos como pintura, escultura, debuxo, fotografía, vídeo e instalacións que van desde os inicios da década do oitenta até o momento presente, nun esforzo por mostrar ao espectador o carácter poliédrico do traballo do artista.

A traxectoria artística de Julião Sarmento comeza a finais dos anos sesenta tras cursar estudos de pintura e arquitectura na Escola de Belas Artes de Lisboa. A principios dos anos oitenta, participará en dúas ocasións na prestixiosa Documenta de Kassel, o que impulsará o recoñecemento internacional ao seu traballo. Presente na Bienal de Venecia en tres ocasiones, no ano 1997 será o artista escollido para representar a Portugal no certame, e durante 2010 a Tate Modern de Londres dedicaralle unha sala de exposición permanente en exclusiva.

2 de xuño de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión