Misha Bies Golas na Luis Seoane

Redacción.-

Este sábado 21 de xuño ás 13:00 horas inaugurouse na Fundación Luis Seoane un proxecto específico do artista Misha Bies Golas (Lalín, 1977). Antes, ás 12:30 horas terá lugar unha conversación entre o artista e Manolo Figueiras.

Na mostra, o artista enlaza algún traballos característicos con outros realizados de forma específica e en relación coa figura de Luis Seoane. Por un lado, Misha Bies Golas establece unha relación coas vangardas e o suprematismo ruso. Por outro, traballa a relación coa obra gráfica de Luis Seoane e o material de arquivo da Fundación.

Unha das pezas máis destacadas é froito do azar visual que nace da superposición das pranchas das carpetas de estarcidos de Luis Seoane, así como das viñetas das revistas de Galicia Emigrante que corresponden ao material para os fotolitos. Os procesos de inversión resultantes cobran formas abstractas dende o figurativo. En palabras do artista, “do material que vin, interesáronme as abstraccións que Seoane compoñía para os fondos onde logo introducía as ilustracións. Nun dos seus textos, fai un comentario sobre o proceso de El Lissitzky. El Lissitzky parte dunhas estruturas lineais, que el denomina esqueletos, e sobre estas pon masas abstractas xeométricas. Seoane conta que o seu proceso é á inversa; sérvese dunhas masas abstractas sobre as que despois incorpora uns esqueletos que definen a figuración, a cal era o medio para manterse xunto ao pobo. Seoane non podía prescindir da figuración”.

25 de xuño de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión