Redacción.- A Xunta de Goberno da Deputación aprobou esta semana as axudas a clubes deportivos e concellos en concorrencia competitiva. En total, destinaranse 630.000 euros para a promoción do deporte, dos que 500.000 van directamente a equipos e clubs deportivos e 130.000 van destinados a colaborar cos concellos. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable da área de Deportes, Antonio Veiga, explicou que, “pese á crise, mantemos as mesmas cantidades do ano pasado porque nin os clubes de base nin as persoas que practican deporte na provincia de Lugo non teñen culpa ningunha desta crise”. Só nos últimos tres anos, a Deputación de Lugo investiu máis de 9 millóns de euros en deporte na provincia de Lugo, explicou.
Veiga afirmou que “con estas axudas democratizamos o deporte de base, todos os equipos e agrupacións deportivas da provincia poden beneficiarse destas axudas, tanto para a organización de actividades deportivas de natureza competitiva ou non competitiva e levar a cabo eventos deportivos. É fundamental que todas as persoas teñan acceso ao deporte independentemente da modalidade que sexa”.
O vicepresidente da Deputación entrou a definir a resolución das axudas que se aprobou esta mañá de xeito definitivo en Xunta de Goberno e que sairá publicada no BOP nos vindeiros días. Desta maneira, o número de solicitudes de axudas recibido este ano por parte de asociacións e clubes deportivos sitúase nunha cifra notablemente inferior á do ano pasado, 481 frónte ás 577 do ano pasado, mentras as solicitudes por parte dos concellos lucenses mantéñense, mesmo se incrementou ata as 111.
Antonio Veiga achacou este descenso do 16 por cento na actividade dos clubes deportivos da provincia á crise económica e dixo que “por iso é máis importante ca nunca que as institucións manteñamos a nosa aportación”. Puxo como exemplo o feito de que este ano haxa 30 solicitudes menos por parte dos clubes e asociacións deportivas para a realización de eventos deportivos nas distintas disciplinas deportivas, o que quere dicir que “hai 30 eventos deportivos que se viñan facendo e que este ano non se van facer porque os clubes non se animan a organizalos”, lamentou. “A Deputación mantén a mesma aportación que o ano pasado, o que quere dicir que os eventos que se siguen facendo (141 en total), recibirán máis cartos que o ano pasado”, dixo.
As axudas concedidas aos clubes da provincia por cada unha das categorías subvencionables son as seguintes; para actividade deportiva competitiva (organizada en competicións) concédense 191 axudas por un importe de 273.000 euros; para actividades deportivas non competitivas concedéronse 149 axudas por un importe de 116.100 euros, e para a organización de eventos deportivos 141 axudas dotadas cun total de 110.900 euros. En total son 481 axudas que se reparten os 500.000 euros totais.
Pola banda das axudas aos concellos, para o financiamento de gastos correntes derivados da organización de actividades deportivas concedéronse 49 subvencións por un importe de 43.600 euros e para a organización de eventos deportivos puntuais concedéronse 10 cunha cantidade de 6.400 euros. Para axudas á realización de investimentos en instalacións deportivas concedéronse 37 axudas que contan con 62.000 euros e, finalmente, para a adquisición de material ou equipamento deportivo concedéronse 15 axudas cun orzamento de 18.000 euros.
0 comentários :
Danos a túa opinión