Redacción.-
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou o pasado 13 de agosto a nova convocatoria de axudas para producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego cunha dotación de 2.000.000 euros, un 81,8 por cento máis que en 2013. Xunto con este importante incremento na contía total, que será distribuída en tres anualidades, as bases deste ano introducen unha reestruturación das modalidades de subvención, entre outras novidades a través das que se busca atender as necesidades específicas dos procesos de produción cinematográfica e televisiva.
Xestionada por Cultura e Educación a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), esta convocatoria de 2014 articúlase arredor de tres categorías de axuda, con cadanseu subapartado para os diferentes tipos de produtos audiovisuais que son obxecto de apoio: longametraxes de ficción ou documentais, curtametraxes e longas de animación, así como producións para televisión. Nos tres casos, os proxectos deben ser levados a cabo por produtoras independentes.
No caso da modalidade A (longametraxes de ficción ou documentais), distínguese entre as longas de autoría galega –“aquelas nas que dous dos seguintes profesionais: director, guionista ou produtor executivo, conten con máis de dous anos de actividade profesional acreditada en Galicia”– e as que, mesmo sen dispoñer desta condición, contribúen a fomentar o tecido industrial do sector audiovisual galego e posúen, ao tempo, un especial valor cinematográfico, cultural e social.
Curtametraxes de animación
A través do apartado dirixido especificamente aos traballos de animación (modalidade B), que mantén a categoría destinada ás longas cinematográficas, apoiaranse por vez primeira as curtametraxes de autoría galega que promovan o talento creativo e técnico da nosa Comunidade, ademais de ter vocación de difusión e un alto potencial de se converter en longametraxes.
En canto á modalidade C e baixo o epígrafe “producións ou coproducións de autoría galega destinadas a ser emitidas en televisión”, impulsarase a realización de longametraxes e miniseries de ficción, longametraxes documentais e series de animación infantil e xuvenil.
A nova redacción das bases tamén introduce cambios relativos aos importes máximos das adxudicacións para cada unha das devanditas submodalidades, á súa xustificación ou aos criterios de valoración, entre outros apartados recollidos nas bases que se publican hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Prazo de solicitude
De acordo con elas, as solicitudes poden presentarse na Agadic desde mañá e ata o vindeiro 13 de setembro, preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), pero tamén en soporte papel mediante calquera dos outros medios que se especifican na convocatoria.
A súa adxudicación resolverase mediante o procedemento de concorrencia competitiva, no que unha comisión puntuará as propostas seguindo un baremo preestablecido. Con tal fin, teranse en conta aspectos relacionados coa calidade do proxecto (interese e potencial, valoración do guión, e se contou con subvención previa da Agadic nas convocatorias para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais ou escrita de guión), a súa relevancia cultural (presenza do idioma galego na versión orixinal, contribución do proxecto á cultura galega etc.), a súa achega á cinematografía galega e á promoción do talento audiovisual da nosa Comunidade (lugar de rodaxe –situación dos estudios, no caso da animación–, equipo creativo e artístico vinculado profesionalmente a Galicia, dirección novel ou porcentaxe de mulleres no equipo autoral e creativo) e a súa viabilidade económica e industrial (plan de financiamento, solvencia técnica da produtora, deseño da produción e estratexia de márketing e difusión).
Esta é a principal liña de investimento do programa xeral de subvencións da Agadic ao sector audiovisual, que conta cun orzamento de 2.530.000 euros (un 92,25 por cento máis que en 2013) para as súas cinco convocatorias de 2014. No marco deste mesmo plan de apoio, xa foron publicadas as axudas ao desenvolvemento de proxectos (175.000 euros) e as destinadas por primeira vez a festivais audiovisuais (90.000 euros). Así mesmo, está previsto que nos próximos días se convoquen as dirixidas á promoción do talento audiovisual galego por un importe total de 145.000 euros. O calendario de convocatorias deste ano completarase coa posta en marcha dunha nova liña centrada na difusión e comercialización, cunha dotación de 120.000 euros.
0 comentários :
Danos a túa opinión