Redacción.-
O I Festival Hércules Brass celebrarase en Celanova do 23 ao 30 de agosto e, entre os seus obxectivos, está ofertar clases maxistrais e concertos de música de cámara de grupos galegos, fomentar a cultura musical da rexión ourensá e ampliar e actualizar a formación teórica e práctica dos participantes.
Tanto a entidade promotora, a asociación cultural Xingros, como as institucións colaboradoras, pretenden que o festival teña continuidade e que a cita se celebre cada ano, a finais do mes de agosto, mantendo sempre o nivel dos artistas nacionais e internacionais.
Do total das actividades que se levarán a cabo no Festival destacan os concertos de Marina Gundín e Francisco J. Galán, Hércules Brass Quintento e Enrique Crespo, o Quinteto Rubato ou a Banda de Música de Celanova entre outros. Ademais dos espectáculos musicais, ofértanse os cursos de metal e percusión: trompeta, trompa, trombón, tuba e percusión con profesores tan destacados como Rubén Simeó (solista internacional), Alfredo Varela (solista da Real Filharmonía de Galicia), Jon Etterbeek (solista da Orquesta Sinfónica de Galicia), Guillermo Collazo (colaborador Royal Concertgebouw Orchestra) ou Jesús Porta (solista NDR Sinfonieorchester). Cómpre recordar que O Barallete, Bruno Santos dará unha conferencia o vindeiro sábado 30 ás 18 horas.
‘Festival Hércules Brass’ está principalmente destinado tanto aos estudantes de música de todos os niveis como aos músicos profesionais ou público en xeral. O custe da matrícula oscila entre os 90 e os 180€ e para inscribirse pódese visitar o enlace www.herculesbrass.com ou solicitar información no teléfono 679 846 318 ou no correo electrónico info@herculesbrass.com.
0 comentários :
Danos a túa opinión