Redacción.- A Praza da Constitución de Vilalba acollerá esta tarde-noite o programa Noites de Rúa Chea,
unha iniciativa levada a cabo pola área de Cultura da Deputación de Lugo en
colaboración coa comisión organizadora das Festas do San Ramón, e que ten como
obxectivo “colaborar coas festas patronais de Vilalba e converter as rúas da
vila nun espazo de convivencia cidadá, de cotío, de lecer; entender a rúa no
verán como un rebulir de vida en todos os seus sentidos”, segundo destacou esta
mañá na presentación das actividades Mario Outeiro, responsable de Cultura da
Deputación.
As
Noites de Rúa Chea traerá a Vilalba
este mércores un espazo infantil que abrirá a partir das cinco da tarde, cunha
zona de xogo libre que se prolongará durante dúas horas, ata as sete. A esa
hora as crianzas poderán disfrutar da música e os contacontos do espectáculo “Antía, Wamba e o regato pequeno”, da
man da compañía A Tropa de Trapo, un espectáculo de narración oral e acompañamento
musical en directo.
Pola noite, o concerto de Fred Martins e Pedro Pascual a
partir das 22 horas conforma unha proposta na que interpretarán cancións
propias e populares que teñen relación coa tradición da música Galega e a
música do Brasil. O coñecido cantante e compositor brasileiro Fred Martíns
ofrece un repertorio de autor,
dialogando coa samba e a bossa nova, e tamén mesturando elementos do rock e
doutros estilos musicais. A súa relación coa tradición musical brasileira
afianzouse con colaboracións para destacados músicos brasileiros como Chico Buarque,
Tom Jobim, Gilberto Gil ou Veloso entre outros. Acompáñao no escenario Pedro
Pascual, que está considerado como un dos músicos de referencia do panorama da
musica tradicional galega.
As
Noites de Rúa Chea ofrecerán unha proposta para todos os
públicos que viaxou xa este verán por outras vilas da provincia de Lugo, como
Monforte ou A Pobra do Brollón, deixando a súa pegada en espazos abertos, de
xeito que tanto os veciños como o turismo disporán dunha programación de
calidade nun horario de ocio nocturno. Esta é unha nova proba do interese
amosado pola área de Cultura da Deputación de Lugo en apoiar a colectivos e
asociacións, así como a Concellos, á hora de organizar actividades que impulsen
a cultura nas súas diferentes vertentes.
0 comentários :
Danos a túa opinión