Moncho Paz.- O pasado sábado visitei a Casa de Hortas, entre sonetos. E invadíronme moreas de lembranzas, desde que a finais dos anos oitenta tiven o pracer de coñecer persoalmente a Manuel María en Monforte de Lemos, sempre acompañado da súa inseparable Saleta, ao fronte da libraría Xistral. Foron intres compartidos con outro compañeiro de profesión, Antón Grande, o noso prezado Tucho Penela, co que disfrutei naquel tempo de longas viaxes en motocicleta ao longo da provincia de Lugo. Daquel primeiro encontro co poeta saiu unha conversa en estilo indirecto, publicada no xornal El Progreso baixo o título "Un home bo e xeneroso" e que anos mais tarde foi recollida no Caderno de Estudos Chairegos editado polo IESCHA. A entrevista foi do agrado do Manuel, pois agasalloume con varios libros dedicados que recibín por sorpresa nunha calurosa tarde de agosto, mentres traballaba na Redacción de El Progreso en Lugo. E dende entón fúmonos atopando: no Día das Letras, no 25 de xullo, na galería Sargadelos de Compostela, na Feira e Festa de Xermolos en Guitiriz... Longos momentos compartidos, nos que aprendín a escoitar aos nosos devanceiros. E hoxe lembro todo isto en Outeiro de Rei, mentres Felipe Senén recibe a navalla do Manuel, e non esquezo ao mestre cunha mistura de tristeza e ledicia, como a el lle gostaría, pois "Nesta casa eu nacín, amei, sufrín... / A súa memoria, firme e perdurábel, / Que lembranza conservará de min?". Toda, amigo Manuel, toda.
0 comentários :
Danos a túa opinión