Moncho Paz.- O pleno da Real
Academia Española (RAE) de hoxe, 11 de decembro, procederá á elección de catro
cargos da súa Xunta de Goberno, tal como establecen os estatutos da corporación
cando se producen vacantes por finais de mandato. Os postos sometidos a
votación serán catro: director, tesoureiro, bibliotecario e vocal segundo.
Calquera dos 41 membros que forman actualmente parte da RAE -hai cinco prazas
vacantes das 46 coas que conta a corporación- pode optar a algún destes cargos,
aínda que, seguindo as normas e a tradición académica, non se proclaman
oficialmente candidaturas a eles. O candidato que máis soa hoxe en
Madrid para acadar o posto de director é o académico e filólogo Darío
Villanueva Prieto (Vilalba, 1950), actualmente secretario da RAE.
De acordo co recolleito no artigo xxv dos vigentes
estatutos da RAE, «para a validez da elección será necesaria a presenza da
metade máis un dos académicos con dereito a voto». Neste mesmo apartado dos
estatutos sinálase que «nas respectivas votacións sairá elixido o académico que
obteña a maioría absoluta dos votos emitidos polos presentes e por quen,
estando ausentes e contando con dereito a voto, o exerzan por escrito». Se
ninguén acadase ese resultado, a maioría absoluta, «realizarase a semana
seguinte (18 de decembro) unha nova votación coa participación dos presentes e
ausentes con dereito a voto, na que só figurarán como candidatos os tres
académicos máis votados na xornada electoral anterior».
0 comentários :
Danos a túa opinión