Germán Castro Tomé.- Un ano máis hei de lembrar a figura de Álvaro Paradela, ao
cumprirse o vindeiro día 13 de decembro o trinta e cinco aniversario do seu pasamento, atropelado por un coche cando se dispoñía a pasear o seu can pola
Estrada de Castela (Narón), en cuxas inmediacións tiña a súa residencia e
consulta como médico rural. Paradela (Amaro Orzán) é un personaxe completamente
esquecido dos ambientes literarios galegos e, sinceiramente, sen ter -dadas as
miñas limitacións- vara de medilo como o faría un profesional da crítica, non entanto
permítome afirmar que relegalo ao esquecemento é unha inxustiza manifesta. Eu,
pobre do min, cheguei a editar "Diálogos con Álvaro Paradela. Ensaio,
poesía e xornalismo" coa sa intención de contribuir á súa recuperación,
pero foi un van intento. É verdade que a súa obra (A rosa que canta, esquelete
espiritual dun home, asimetría glandular, a Galicia que doe, Irmaus tolos...)
chegaba só aos amigos, -unicamente sálvase "Sabencias", que foi
editada por Galaxia-xa que lanzaba edicións non venais.
A súa popularidade como columnista e tamén como poeta foi
moi notoria nos anos sesenta e setenta. Era un gran afeccionado aos
neoloxismos, o caso máis "glorioso" é o vocábulo Ferrolterra, e
defensor da galeguización da toponimia. Freijeiro pasou a ser Freixeiro desde
que el asentou en Narón, por citar un exemplo ben próximo. Chegou a falar tamén
da posibilidade de crear un TBO, cómic
galego para adultos, con historietas, retrancas paisanas, noticias, resumos
literarios en cor, caricaturas, etc.
Como posúo toda a súa produción en narrativa breve os
"Cadernos de Amaro Orzán" non descarto que algún día, se teño o apoio
pertinente, podería chegar a editarse unha antoloxía daqueles contos, preñados
dun gran sentido do humor irónico e crítico, cos que, non seu aniversario,
obsequiaba a unha ampla relación de amizades, incluídos xornalistas de aquí e
de alá que daban sempre acuse de recibo nas súas respetivas columnas de prensa.
A nivel cidadán, fai bastantes anos deuse o seu nome a unha
praza de Narón, máis recentemente, unha rúa na Coruña a proposta da Asociación
de Prensa coruñesa, e en Ferrol, a Sociedade de Artistas Ferroláns (SAF)
convoca anualmente un concurso de relato curto. Amaro Orzán, pseudónimo que popularizou,
nacera na Coruña onde exerceu como médico e a súa traxectoria profesional
desenvólvese, ademais en Curtis, período breve, e en Narón, onde se estableceu
definitivamente en 1960, etapa á que corresponde a súa maior produción creativa
como narrador, poeta e columnista. Chegou a militar no movemento anarquista e
estivo a piques de ser "paseado" no 1936.
0 comentários :
Danos a túa opinión