Nabiza Girl en Outeiro de Rei

Redacción.-

O auditorio da Casa Museo Manuel María en Outeiro de Rei acollerá este sábado 24 ás 21 horas As aventuras de Nabiza Girl, un espectáculo cómico da actriz Isabel Risco.

A actuación é parte da programación cultural e lúdica coa que a Fundación Manuel María de Estudos Galegos desexa dinamizar a casa natal do escritor como un espazo en constante movemento de propostas coas que atraer a públicos o máis heteroxéneos posíbeis, ao tempo que ofrecer unha alternativa cultural de calidade durante todo o ano á veciñanza de Outeiro de Rei e da Terra Chá.

Este sábado Isabel Risco chegará a Outeiro de Rei mutada en Nabiza Girl para nos contar, a través dun espectáculo que ten o divertimento asegurado, a historia e andaina desta particular superheroína galega.

Isabel Risco, actriz de recoñecida traxectoria no teatro, a radio, o audiovisual ou a televisión, galardoada en 2013 co Premio Mestre Mateo á mellor Actriz de Reparto pola súa participación no espazo da TVG Era visto!, ofreceranos, como só ela sabe, o mellor da súa espontaneidade e naturalidade nun ambiente distendido e nun lugar de seu máxico para todo tipo de espectáculos que buscan a interacción entre público e escenario: a que foi antiga palleira da casa natal e familiar de Manuel María, que el mesmo retratou nas súas composicións.

As entradas para o espectáculo teñen un prezo de 4 € e pódense reservar por adiantado a través do teléfono 698 177 621 ou do correo-e fundacion@manuelmaria.com. Retiraranse na mesma Casa Museo entre 1 hora e 15 minutos antes do inicio do espectáculo.

22 de xan. de 2015

0 comentários :

Danos a túa opinión