Xosé Manuel Pacho.- Dicía Ortega no comezo do
século XX, nun libro xa clásico, que España non sufría unha enfermidade, era
unha enfermidade. Neste sentido, Galicia non chega a ese punto. Galicia todos
os días confórmase con sobrevivirse a si mesma. Que, visto o visto, xa é moito.
E non falo de política, que tamén, falo da nosa condición, da nosa identidade.
Dunha sinxela observación,
podemos concluir que os galegos vivimos nunha negación, nunha contradición, que
demasiadas veces non percibimos, ou que se converteu hai demasiados séculos
nunha pulsión inconsciente. Non sabemos ser. O trazo máis caraterístico do ser
galego é xustamente este, non ser. Porque non ser foi o noso xeito de
supervivencia, porque disimular e a camuflaxe foron a nosa salvación. Hai uns
anos, Revista de Occidente dedicaba
un número, o de novembro de 2008, a esta idea, a esta construción cultural como
metáfora contemporánea.
Durante moito tempo, para
os galegos a arte de disimular, de pasar desapercibido, foi o noso único
camiño. A mímese. Levado ao extremo, o inglés máis inglés de Chelsea seguro que
é galego, como o mexicano máis mexicano do D.F. Nesta xeografía mundial
apareceron, aparecen e aparecerán galegos vivindo nesa camuflaxe. Ese paisano,
Alfonso Graña, rei do xíbaros; ese pintor nacido en Cangas do Morrazo, Angel
Botello, considerado como o Gauguin do Caribe; ou un empresarios como José
Oreiro "Pepe", rei de Rio de
Janeiro. O paroxismo da nosa identidade ten un momento sublime no século XX,
cando comparamos a Casares Quiroga, o último Presidente da República, con
Franco, o ditador que deu o golpe de estado, os dous galegos, e que teñen en
común xustamente que poderían ser de calquera sitio menos da Galiza.
De xeito que así, tempo
por tempo, fomos acomodando a nosa condición de galegos a esa idea de mímese,
de disimulo. E chegou a democracia. Chegou un tempo onde os pobos podíamos
avanzar. Pero para nós, esa mímese, converteuse na nosa némese, no noso
inimigo. E arrastramos esa confusión derivada da nosa historia en todos os
campos. Nos nosos políticos en xeral, e nos nacionalistas en particular. Esa é
a única explicación do que está a acontecer con Beiras, con AGE, co BNG... Pero
non é mellor na nosa cultura, que de tanto vivir de axudas, de tanto disimular,
xa non sabe ser. Dicimos que somos alternativos, como Chévere, pero vivimos de
subvencións. Dicimos que somos modernos, pero imitamos modelos que xa están
pasados hai moito tempo, como se ve na película de A esmorga.
Doe máis todo isto cando pasa
na cultura, porque a cultura é o mellor que somos como sociedade. A solución
para ser modernos, para revindicar a nosa identidade é ben doada. Só temos que
mirar cara adentro. Mirar cara a nós, para ver a Blanco Amor, a Celso Emilio, a
Cunqueiro... Este é o único xeito de que Galicia sexa. Ser nós.
0 comentários :
Danos a túa opinión