Redacción.-
O proxecto titulado ONDE BEBEN OS CERVOS QUE AMANSOU O CALÍGRAFO é unha iniciativa de colaboración entre dous artistas ourensáns, Carlos González Villar e Baldo Ramos, que se bifurca en dúas achegas:
- Por un lado, a edición dun libro de artista de elaboración totalmente artesanal que ten como vértice de unión a reconstrución dun espazo e dun tempo simbólicos que sitúa o seu referente nas Terras de Celanova (concretamente nas aldeas de Sorga e Quintas).
A edición consta de 5 poemas de Baldo Ramos e cinco gravados de Carlos González Villar, nos que a presenza deses espazos do rural ourensán serven de punto de partida para esculcar nas posibilidades plásticas e literarias destas localizacións nas que os dous autores teñen parte das súas raiceiras familiares.
Esta obra foi dada a coñecer en decembro de 2013 no Centro de Arte Moderno de Madrid e, en marzo de 2014, no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, ao aveiro dunha exposición conxunta dos dous artistas
Parte destas obras poden verse agora na galería luguesa Clérigos, na que tamén se amosarán os gravados e os poemas que conforman a edición do libro de artista do mesmo nome.
Os traballos de Carlos González Villar e Baldo Ramos teñen como punto de encontro as raiceiras comúns ourensanas, a caligrafía como ponte entre a literatura e a pintura e o soporte papel como vínculo coa cultura popular e o mundo dos libros.
0 comentários :
Danos a túa opinión