O xoves, asamblea de Somos Maioría

Redacción.-

"Somos Maioría Vilalba" convoca a todas as vilalbesas e a todos os vilalbeses a unha asemblea aberta que se celebrará o xoves 12 de febreiro, ás 20,15 h., no salón de actos da Biblioteca Municipal, coa finalidade de impulsar unha candidatura de unidade cidadá e plural.

Segundo eles mesmos din, "apelan á cidadanía en xeral, aos diversos movementos asociativos, sociais e culturais, así como ás formacións políticas, a iniciar un dialogo necesario e urxente coa fin de conseguir unha ampla alianza social e política para configurar unha candidatura unitaria e plural que remate co despotismo e favoritismos da dereita no noso concello."

Para eles "a cidadanía ten que ser a protagonista directa desta alianza, na que non ten cabida ningún tipo de tutelase ou control externo ao órgano de decisión que será sempre a Asemblea, onde a xente exercerá o dereito a decidir a nivel individual, para provocar un novo xeito de organizar a vida en común, honesto e transparente, construído pola cidadanía, ao servizo da cidadanía e baixo o control da cidadanía. Cómpre poñer fin a décadas de desgoberno do P.P. O concello ten que estar ao servizo de toda a veciñanza e non servir de trampolín a intereses político- profesionais duns poucos. Na actual situación de crise, de recortes económicos e sociais, o concello como administración máis próxima a cidadanía debe ter un papel fundamental para atopar solucións nas que primen os intereses comúns."

10 de feb. de 2015

0 comentários :

Danos a túa opinión