Chema Felpeto.- Tremen os alicerces do Partido Popular vilalbés co resultado
das eleccións municipais do pasado día 24. E non é de estrañar, non só por contaren
cun concelleiro menos na Corporación, senón pola perda efectiva de 1.352 votos
que veñen supoñer un perigoso descenso de 8,76 puntos sobre os comicios de
2011. Certamente cómpre recoñecerlles a capacidade efectiva de manexaren no
medio rural unha sólida infraestrutura, que deriva nunha indecente mercadoría clientelar,
e a habelencia para ocultaren as discrepancias internas e arroupárense en
momentos electorais.
Malia isto, algúns filtran de forma interesada, que desavinzas
entres as familias políticas levaron a purgas que condicionaron a lista até o
punto de dificultar seriamente a súa elaboración, mentres outros xustifican a
súa deserción polo incumprimento de promesas recibidas no seu día e por seren
ignorados na toma de decisións dun goberno absolutamente presidencialista. Posibelmente
se vexan arrastrados nalgunha medida pola corrupción dos seus en todo o estado,
mais non é menos certo que tanto a imaxe do alcalde coma a nefasta xestión
institucional, inzada de despotismo, nepotismo e desprezo aos adversarios
políticos, foron os detonantes esenciais do principio do que semella unha caída
libre que pode levalos á perda do poder nun futuro ben próximo.
Podo concordar
con Gerardo Criado na opinión de que as urnas acaban por poñer a cadaquén no
seu lugar, mais dubido da súa palabra de que gobernarán para todos, porque o
pasado demostra que só o fixeron para uns poucos. E cómpre aclararlles neste
punto que o farán cunha representatividade real dun 31,6%, menos dunha terceira
parte do electorado total, así como que foron superados en 289 votos polos
partidos que a inxusta lei d'Hont condenou á oposición, o que demostra ás
claras que esa “maioría social” coa que a algún se lle enche a boca é pura
falacia. Talvez leve razón Pepe Mújica cando afirma que “O poder non cambia ás
persoas, mais revela verdadeiramente quen son”.
No PSdeG-PSOE sentimentos encontrados. Por unha banda celebran
o incremento en 562 votos e 9,86 puntos porcentuais, mais por outra sofren
decepción ao quedaren tan só a 27 votos dun sétimo concelleiro que podería
outorgarlles unha hipotética responsabilidade de goberno de chegaren a algún tipo
de acordo con BNG e Vilalba Aberta, o que sospeito non resultaría excesivamente
complicado. Sen dúbida o tirón persoal da súa candidata, a virtude de atraeren
a un sector xuvenil implicado con actividades culturais e deportivas, e o
traballo desenvolvido na campaña tiveron un efecto positivo.
Vilalba Aberta foi unha sorpresa relativa. Con escaso tempo e
menos recursos, logrou unha praza na Corporación Municipal conseguindo captar o
voto descontento, de uns e de outros. A súa proposta asemblearia ateigada de
ilusión convocou inicialmente a distintas sensibilidades, mais a realidade
dalgunhas discrepancias na propia organización coutou finalmente arelas e
expectativas. Con todo e con iso, os 646 votos, que os sitúan nun meritorio
terceiro lugar, non deixan de representar un éxito que terán que referendar co
seu traballo na vindeira lexislatura.
Pola súa banda o BNG perdeu 717 votos e sufriu un descenso de
6,73 puntos, pasando a ser a cuarta forza política. Moito deben mudar as cousas
no país para que recuperen o crédito perdido e devolvan a ilusión a un pobo
enfermo de autoestima que non chega a identificalos como a única forza que
representa realmente os valores da nosa nación. Mais iso xa é fariña doutro fol
e no que toca ao concello vilalbés tampouco puideron ver recoñecido o seu
traballo institucional a prol da veciñanza.
No hai que esquecer finalmente nesta breve análise o 31,1% de
abstención, elemento que se traduce nunha falta de participación nada máis nin nada
menos ca de 3.942 persoas. Todo parece indicar que o Partido Popular, con toda
a presión que exerce sobre unha parte do electorado, ten chegado ao seu teito,
e non resultaría estraño que durante este mandato se producisen relevos na
cúpula do propio equipo de goberno rememorando vellos tempos. O que non é tan
doado de entender, ou quizais si, son as causas polas que os outros partidos
non son quen de ilusionar cos seus proxectos a este sector, que prefire quedar
na casa a depositar a súa confianza nalgunha formación. En calquera caso, semellan albiscarse no horizonte tempos de
mudanza que poden desembocar na gran alborada.
Said
Se se comparan as curvas de crecemento vexetativo do Concello de Vilalba nos últimos 15 anos co descenso do voto ao PP, sorprende ver a alta coincidencia entre falecementos e perda de sufraxios.
É neste contexto no que cada vez ten menos incidencia o carrexo de votantes, pero probábelmente leva, como mínimo, dúas eleccións dándolle a maioría aos populares. Paréceme sorprendente que ningunha das candidaturas opositoras se digne nin sequera a denuncialo, non nas redes sociais, senón ante a xunta electoral.
Se ademáis quitasemos outro factor como o voto cativo mediante promesas de emprego, os populares terían abandoado o goberno local hai tempo.
E non hai moita máis análise que facer. O único que lle dá o poder aos de sempre é a división da esquerda. Mentres o PSOE mire máis á deputación que ao concello, e os votantes de esquerda nacionalista sigan a matinar no sexo dos anxos, o único que fan é agasallar aos populares co goberno municipal, como quedou demostrado. A culpa non é de Victor D´Hont, meu probe, senón dunha oposición que lembra aos Monty Pyton en Life of Brian na famosa escena do circo.
Said
Concordo.