Redacción.- O recoñecido restaurante compostelán Mesón de Lázaro quere rendir unha particular homenaxe ao
escritor Ramón Chao, con motivo do oitenta aniversario do seu nacemento. Aproveitando
a súa estadía de varios días en Galicia, Chao será o protagonista da apertura
das Noite(s)
Xove(s), un evento no que cada mes –un xoves pola noite- disertará un convidado de prestixio sobre temas de actualidade,
cun produto gastronómico de tempada como desculpa para a xuntanza e mailo
posterior debate.
Esta “maridaxe de
gastronomía e cultura”, así calificada polo propietario do establecemento, Pepe
Mata, contará coa colaboración permanente dos xornalistas Moncho Paz, Koro
Martínez e Fermín Galindo, que de xeito alternativo serán os encargados de
presentar ao protagonista mensual. Nesta ocasión, a presentación do convidado
correrá a cargo de Moncho Paz, que ademáis é colaborador do escritor galego
afincado en París en varios proxectos culturais, como a Asociación de Amigos de Prisciliano.
Ramón Chao naceu en Vilalba en 1935 e
criouse tocando o piano na fonda que rexentaban os seus pais, onde adoitaban
parar figuras como Cunqueiro ou Celso Emilio Ferreiro. Sendo bolseiro polo
Concello de Vilalba e a Deputación de Lugo, trasladouse a Madrid para estudar
piano, harmonía e bacharelato. De Madrid foise a París cando tiña vinte anos,
con outra bolsa do Goberno español. Na capital francesa fíxose xornalista,
entrando a traballar en Radio France
“porque falaba galego”, segundo confesa, “pois buscaban un locutor que soubera
música e portugués”.
En París, Ramón Chao dirixiu emisións radiofónicas na
nosa lingua, que serían prohibidas por Franco, e foi correspondente da revista Triunfo. Tamén traballou na prensa e na
televisión francesas e foi nomeado Cabaleiro das Artes e das Letras polo
Goberno de Francia en 1991. Destacou como crítico Literario en Le Monde e polas súas colaboracións
en Le Monde Diplomatique, publicación
mensual dirixida polo xornalista Ignacio Ramonet.
Conta no seu haber con máis de vinte libros, entre
novelas e biografías, un deles escrito en galego, O Camiño de Prisciliano, con cuberta deseñada polo artista Miquel
Barceló. Asemade, a súa novela El lago de
Como, publicada en 1982, foi traducida ao galego en 2008. Ao final do
evento do vindeiro xoves, terá lugar unha sinatura de libros por parte do
autor.
0 comentários :
Danos a túa opinión